O concello do Valadouro, a través da concellería de cultura e da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, organiza dous concertos para a derradeira semana do ano 2021.

Día de Nadal. PAKOLAS e o seu espectáculo «Ramona Órbita, a dona do tempo». Sábado, 25 de decembro de 2021 ás 19:00horas no pavillón polideportivo municipal do Valadouro.

Chega ó Valaduro, Ramona Órbita coa súa máquina cargada de rock and roll, disposta a percorrer os tempos para aprendernos a protexer a natureza!!! Unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.

Así, a través das cancións, a narración e as ilustracións, imos saltando a diferentes épocas, dende as cavernas ata o futuro. Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume; visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento e participar da emoción das súas creacións, acode ao Antigo Exipto cun tal Ramsés que lle cheiran os pés; ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time, que significa Tears in my eyes, por ver como está o mundo de fume e smoge, e toda a axuda que  vai precisar para solucionalo, etc. Todo ata chegar a Benvidas ao Futuro na que cantamos por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natura.

O domingo, 26 de decembro de 2021, o grupo musical OS PARENTES aportará unhas pezas musicais ao pavillón a partir das 19:00horas

Os parentes é un grupo xa consolidado na contorna da Ribeira Sacra e na provincia de Lugo, pero xa reclamado noutros lares a nivel de Galicia, tendo actuado, segundo nos contan, en lugares como A Toxa, O Porriño ou Ourense.

Teñen un estilo moi característico versionando e compoñendo temas con marcado carácter rural, e sempre cun toque de retranca e humor que fai moi divertidos os seus concertos. Fan versións doutras e doutros autores pero teñen tamén un amplo repertorio propio. O estilo, dende o rock ao blues, xa o encaixan eles segundo mellor lle cadre aos temas, e as letras sempre en galego.