Índice de contido.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

TÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 1.- Obxecto.
Artigo 2.- Ámbito de aplicación.
Artigo 3.- Definicións e tipos de instalacións.
Artigo 4.- Normativa aplicable.
Artigo 5.- Compatibilidade entre o uso común xeral e o uso especial dos espazos públicos ocupados por terrazas.
Artigo 6.- Título habilitante.
Artigo 7.- Horarios de funcionamento.

TÍTULO II.- CARACTERÍSTICAS DAS INSTALACIÓNS.

CAPÍTULO I. CONDICIÓNS TÉCNICAS DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS.

Artigo 8.- Condicións de instalacións en beirarrúas de rúas con circulación rodada.
Artigo 9.- Condicións de instalacións en prazas e paseos.
Artigo 10.- Condicións de instalacións en calzada sobre aparcamentos.
Artigo 11.- Condicións técnicas comúns das terrazas con cerramento estable.
Artigo 12.- Condicións técnicas comúns das terrazas sen cerramento estable.
Artigo 13.- Condicións e limitacións comúns a todo tipo de terraza.
Artigo 14.- Prohibicións específicas. CAPÍTULO II. CONDICIÓNS ESTÉTICAS DAS TERRAZAS.
Artigo 15.- Materiais do mobiliario.
Artigo 16.- Criterios estéticos.

TÍTULO III.- RÉXIME XURÍDICO DAS AUTORIZACIÓNS.

CAPÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 17.- Sometemento a autorización administrativa.
Artigo 18.- Natureza da autorización.
Artigo 19.- Titularidade das autorizacións.
Artigo 20.- Requisitos para a obtención da autorización.
Artigo 21. Suxeición do titular as obrigas.
Artigo 22. Garantías.
Artigo 23.- Recursos.

CAPÍTULO II.- PROCEDEMENTO DE OUTORGAMENTO.

Artigo 24.- Solicitude e documentación adxunta.
Artigo 25.- Procedemento de tramitación.
Artigo 26.- Ámbito temporal.

CAPÍTULO III.- DEREITOS E OBRIGAS DOS TITULARES.

Artigo 27.- Exercicio de actividades propias.
Artigo 28.- Obrigacións do titular da instalación.
Artigo 29.- Taxas.

CAPÍTULO IV.- EXTINCIÓN DAS AUTORIZACIÓNS.

Artigo 30.- Formas de extinción.
Artigo 31.- Caducidade.
Artigo 32.- Resolución e revogación da licenza.
Artigo 33.- Efectos da extinción.

TÍTULO IV.- RÉXIME E PROCEDEMENTO SANCIONADOR.

CAPÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 34.- Réxime sancionador.
Artigo 35.- Suxeitos responsables.
Artigo 36.- Procedemento sancionador.
Artigo 37.- Órgano competente.
Artigo 38.- Medidas cautelares.
Artigo 39.- Cumprimento das medidas cautelares e das resolucións ditadas.
Artigo 40.- Almacenaxe de elementos retirados.

CAPÍTULO II.- INFRACCIÓNS.

Artigo 41.- Infraccións.
Artigo 42.- Infraccións leves.
Artigo 43.- Infraccións graves.
Artigo 44.- Infraccións moi graves.

CAPÍTULO III.- SANCIÓNS.

Artigo 45.- Sancións.
Artigo 46.- Gradación das sancións.
Artigo 47.- Competencia para impoñer as sancións.
Artigo 48.-Prescrición.
Artigo 49.- Reposición da legalidade. Compatibilidade.
Artigo 50.- Reclamación das taxas.

CAPÍTULO IV.- DEFENSA DOS CONSUMIDORES.

Artigo 51.- Suxeición á normativa de consumo. Follas de reclamacións e lista de prezos.

ANEXO I.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

A presente Ordenanza vén a regular, dentro da esfera da competencia municipal, e ao amparo do establecido na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local e na Lei 33/2003, do 3 de novembro, de Patrimonio das Administracións Públicas, a instalación de terrazas de hostalería no espazo de uso público do Concello de O Valadouro.

Con a mesma trátase de establecer un marco normativo que regule o uso especial do dominio público municipal mediante a súa ocupación por particulares e que permita o desenvolvemento da actividade hostaleira da forma mais beneficiosa para os negocios e para o lecer e goce dos cidadáns, baixo a consideración do espazo público como un espazo de convivencia, que é de todos, e no que o uso e goce colectivo estean asegurados.

Neste sentido, non cabe dúbida de que as terrazas contribúen ao esparexemento e ás relacións sociais e favorecen a proxección dunha imaxe aberta, dinámica, vitalista e acolledora do Concello, ao mesmo tempo que crean dinámicas positivas en relación co emprego, a economía e o turismo.

Pero ao mesmo tempo este aproveitamento debe realizarse dunha forma ordenada, sendo necesario, polo tanto, establecer a regulación e límites do seu exercicio a fin de garantir a protección dos dereitos dos cidadáns relativos ao uso deses espazos públicos, seguridade pública, tranquilidade e descanso e accesibilidade e a protección do medio ambiente, da paisaxe urbana e das características propias do noso Concello.

En consonancia con isto, a regulación contida nesta Ordenanza trata, por un lado, de harmonizar a instalación e disfrute de terrazas coa evitación das posibles perturbacións do descanso veciñal e coa necesidade de garantir o máximo respecto ao tránsito peonil en condicións de accesibilidade. E, por outro, inclúense no texto a aprobación das dimensións dos emprazamentos das terrazas, garantindo espazos suficientes para a mobilidade dos transeúntes, a ordenación do mobiliario das terrazas cos materiais que o compoñen e a eliminación definitiva da publicidade nel.

Desta forma, coa presente normativa supéranse os simples criterios de regulación do espazo público enfocando a norma desde a perspectiva de responsabilidade e oportunidade para mellorar a imaxe das terrazas, adecuando a estética das instalacións e harmonizando o deseño e a calidade ás características da súa localización para dotar de atractivo singular ao espazo municipal.

A este respecto, resulta evidente que os negocios de hostalería deben responder a este cambio e ser os primeiros interesados en lograr a integración das instalacións na paisaxe municipal sempre en sintonía coa arquitectura da vila, o que redundará sen dúbida no desenvolvemento económico do sector ao implementar criterios de calidade que convertan ao sector hostaleiro nunha actividade atractiva non só para os veciños do Concello, senón tamén para os visitantes, permitindo así un incremento do turismo neste municipio que favoreza a dinamización da actividade económica local.

A presente Ordenanza estruturase en IV títulos, con cincuenta (50) artigos, disposicións adicionais, transitorias, derrogatorias e disposición final.

O Título I, contén as disposicións xerais relativas ao obxecto e ámbito de aplicación, os tipos de instalacións autorizables, os establecementos que poderían obter a autorización de terraza, así como o horario de funcionamento das instalacións.

O Título II describe as características con que teñen que contar as instalacións, coas condicións técnicas e estéticas e as prohibicións específicas que lles corresponden.

O Título III ocúpase do réxime xurídico das autorizacións, regulando tanto o conxunto de dereitos e obrigas dos titulares das mesmas como o procedemento de outorgamento e os seus efectos. Este Título refírese tamén ao réxime fiscal das autorizacións, rematando co Capítulo dedicado á forma e efectos da súa extinción.

Finalmente, o Título IV refírese ao réxime sancionador aplicable ás infraccións que se podan cometer en relación coa instalación de terrazas.

Por último, o Anexo do texto da ordenanza recolle unha serie de recomendacións en relación cos materiais e cores do mobiliario a instalar nas terrazas.

TÍTULO I.

DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 1.- Obxecto.

A presente Ordenanza ten por obxecto a regulación do réxime técnico, estético e xurídico a que debe someterse o aproveitamento de terreos de dominio público e espazos privados de acceso libre e uso público, mediante a súa ocupación temporal con terrazas, anexas a establecementos hostaleiros e que constitúan complemento da actividade que se vén exercendo no interior dos devanditos locais.

Artigo 2.- Ámbito de aplicación.

1.- As normas desta Ordenanza serán de aplicación á instalación de terrazas anexas aos establecementos de hostalería con mesas, cadeiras, separadores e parasoles, ou instalacións análogas complementarias da actividade realizada nos locais.

Aqueles terreos de dominio público sobre os que recaia competencia doutras Administracións Públicas, nos que se pretendan situar as referidas instalacións, suxeitaranse ás determinacións da presente Ordenanza, sen prexuízo das propias condicións que se impoñan polas devanditas administracións no ámbito das súas respectivas competencias.

2.- Esta Ordenanza non será de aplicación aos actos de ocupación que, sendo de carácter hostaleiro, se realicen con ocasión da celebración de festas, actividades deportivas, culturais, gastronómicas e análogas, que se suxeitarán ás súas normas específicas.

Artigo 3.- Definicións e tipos de instalacións.

1.- Aos efectos desta norma defínese como terraza a instalación formada por mesas, cadeiras, parasoles, toldos, biombos, xardineiras ou outros elementos de mobiliario auxiliares, fixos ou móbiles e en todos os casos necesariamente desmontables, situada en espazo exterior de uso público – terreo de dominio público ou espazo privado de acceso libre e uso público- lindeiro ou próximo a un establecemento de hostalería, como zona vinculada á actividade que se exerce no devandito establecemento e sen barra de servizo distinta á situada no interior do mesmo.

2.- Os aproveitamentos temporais que son obxecto da presente Ordenanza, suxeitaranse a algún dos seguintes tipos:

a) Terraza sen cerramento estable: Será a terraza composta por elementos móbiles e desmontables e sen cuberta fixa ou estable. Incluiranse nesta modalidade as instalacións que ademais conten con toldo enrrolable á fachada.
b) Terraza con cerramento estable: Será a terraza composta por elementos fixos e móbiles, pero, en todo caso, necesariamente desmontables, pechada no seu perímetro, en todo ou en parte, e/ou cuberta.
c) Terrazas Mixtas: 1 Estructura fixa e de ampliación estacional (verano) con parasoles, cadeiras, mesas…etc. Sempre dentro das normas xerais, m2 de ocupación ,línea de fachada e todas as prescripcións contempladas.

Artigo 4.- Normativa aplicable.

Con carácter xeral, as instalacións ás que se refire o artigo anterior respectarán as prescricións establecidas en canto a súa ubicación, réxime de distancias e protección do entorno urbano, non permitíndose colocar elementos non autorizados. O mobiliario e os elementos decorativos que se instalen, tanto en terreos de dominio público como privados, axustaranse ás prescricións técnicas contidas nesta Ordenanza.

As citadas instalacións quedarán suxeitas, ademais, á normativa sobre espectáculos públicos e actividades recreativas, de protección do patrimonio,, accesibilidade e supresión de barreiras, de protección do medio ambiente, así como calquera outra normativa sectorial que resulte de aplicación, polo que as súas determinacións serán plenamente esixibles aínda cando non se faga expresa referencia a elas nesta Ordenanza.

Artigo 5.- Compatibilidade entre o uso común xeral e o uso especial dos espazos públicos ocupados por terrazas.

1. A instalación de terrazas nos espazos demaniais de uso público é un uso común especial, e a súa autorización deberá atender a criterios de compatibilización do uso público común xeral por parte de todos os usuarios dos referidos espazos públicos, co uso especial, debendo prevalecer nos casos de conflito ese uso público común do devandito espazo e o interese xeral. E este efecto, teranse en conta os seguintes valores e criterios:

a) Preferencia do uso común xeneral, con especial atención ao tránsito peonil, debendo garantirse que as terrazas non mingüen a accesibilidade de todos os cidadáns aos espazos destinados ao uso público, en condicións de fluidez, comodidade e seguridade.
b) Garantía da seguridade viaria.
c) Protección da seguridade cidadá e da tranquilidade pública, en especial contra a contaminación acústica.
d) Preservación do arbolado e vexetación da paisaxe urbana e dos ambientes e condicións estéticas dos lugares e edificios, aínda que non conten con ningún tipo de protección específica nas lexislacións sectoriais. e) Protección do uso e dos dereitos e intereses dos usuarios dos edificios lindeiros.
f) Garantía do funcionamento dos servizos públicos, en especial os de emerxencia.
g) Non se afectará aos bens protexidos polo seu valor cultural.

Artigo 6.- Título habilitante.

1.- A instalación de terrazas sobre bens de dominio público municipal require a previa obtención de autorización municipal nos termos previstos nesta Ordenanza e demais normativa de aplicación.

2.- As autorizacións para a ocupación do dominio público municipal serán outorgadas polo alcalde do Concello, que poderá delegar esta facultade de acordo co que dispoña a normativa básica sobre réxime local.

3.- Ademáis da autorización municipal a primera instalación das terrazas sobre espazo incluido na protección en materia de patrimonio cultural ao amparo do establecido no artigo 84 da lei 33/2003 de 3 de novembro de Patrimonio das Administracións Públicas, precisarán, con anterioridade ao otorgamento da licenza municipal, autorización do órgano competente en materia de Patrimonio no seu conxunto.

4.- Sen prexuízo da autorización concedida, os axentes dos corpos e forzas de seguridade con competencia para actuar no termo municipal poderán modificar as condicións de uso, temporalmente e por razóns de orde público ou de circunstancias especiais do tráfico, sen máis procedemento que o aviso con suficiente antelación ao titular da autorización, xustificando a medida adoptada e tendo en conta que a medida limitarase ao mínimo tempo posible, segundo as circunstancias excepcionais que a motiven.

5.- A instalación de terrazas en espazos de dominio privado, é dicir; en terreos de propiedade particular, susceptibles de aproveitamentos relacionados coa actividade propia de elementos análogos na liña de fachada ou fronte ao establecemento, sen dispoñer de barra de servicio diferente da do propio establecemento; deberá contar coa autorización previa dos titulares dos emprazamentos, e contar coa preceptiva licenza de uso provisional de conformidade coa normativa urbanística.

6.- A autoridade municipal competente poderá, de maneira suficientemente razoada, denegar a solicitude destas instalacións temporais en calquera dos seguintes supostos:

– Que supoña prexuízo para a seguridade viaria.
– Que por particulares características físicas ou por razón do nivel ou intensidade do tránsito peonil, poida resultar inconveniente desde o punto de vista da seguridade das persoas, da súa mobilidade e accesibilidade.
– Que poida incidir sobre a seguridade (evacuación ) dos edificios e locais próximos.
– Que dificulte a intervención de servizos públicos ou privados en caso de emerxencia, tales como bombeiros, ambulancias, etc.
– Que supoñan deterioro do medio municipal ou resulten inadecuadas ou discordantes co seu entorno.
– Que impida ou dificulte gravemente o uso de servizos, equipamentos e/ou mobiliarios municipais.
– Calquera outra circunstancia similar de interese público.

Artigo 7.- Horarios de funcionamento.

1.- O horario de ocupación da superficie pública autorizado será o que corresponda coa licenza de apertura do negocio de hostalería titular do permiso, de acordo coas disposicións sobre apertura e peche de establecementos públicos emitidos polas administracións competentes.

2.- En ningún caso se poderá facer uso da instalación da terraza fóra do horario permitido, nin deixar o mobiliario constitutivo dela no exterior do recinto fóra dese horario. O incumprimento deste precepto, xunto coa revogación da licenza, poderá dar lugar á instrución dun procedemento sancionador.

TÍTULO II.

CARACTERÍSTICAS DAS INSTALACIÓNS CAPÍTULO I.

CONDICIÓNS TÉCNICAS DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS.

Artigo 8.- Condicións de instalacións en beirarrúas de rúas con circulación rodada.

Non se autorizarán instalacións do tipo mostradores exteriores, cadeiras, bancos, barrís ou calquera outro elemento en beirarrúas cunha anchura inferior a 2,10 metros, tendo que deixar un corredor mínimo para paso de 1,50 metros libres de obstáculos, co fin de facilitar a mobilidades de persoas con discapacidades físicas e/ou deficiencias visuais, cadeiras de bebés e a circulación de peóns.

Poderase autorizar “cinceiros” de pe, sempre que a súa estrutura e tamaño non dificulte a mobilidade pola beirarrúa.

No obstante ao anterior, o concello mediante acordo plenario ou por Resolución ditada polo Sr. Alcalde (previo acordo favorable da xunta de portavoces) poderá autorizar, en casos excepcionais debidamente xustificados, a instalación de terrazas en beirarrúas con dimensións inferiores as indicadas, previa solicitude e xustificación da medida excepcional, tendo en conta o establecido na Orde de 1 de febreiro de 2010, polo que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados.

Artigo 9.- Condicións de instalacións en prazas e paseos.

1.- – Con carácter xeral, non poderá autorizarse a instalación cando o establecemento e a terraza estean separados por calzada de rodaxe de vehículos. Exceptúase o réxime xeral establecido no parágrafo anterior no caso de que a terraza pretenda instalarse en prazas, paseos, etc.

2.- No suposto de que as instalacións estean situadas nos citados lugares, a superficie de ocupación total resultante da suma da extensión de todos os permisos non excederá do 10% da superficie da praza, no caso de que sexan varias as autorizacións.

No caso de que exista un único local na praza ou paseo a superficie máxima que poderá ocupar será de 30 m2 .

3.- O órgano competente municipal poderá, segundo as necesidades de demanda, facer un reparto proporcional da superficie a ocupar no caso de varias solicitudes. En concreto, as autorizacións de terrazas en rúas peonís ou prazas estudiaranse de xeito global tendo en conta as características que concorran na zona onde se sitúen. Do proxecto de ordenación destes lugares darase traslado oficial aos hostaleiros interesados, de xeito que poidan formular as alegacións que procedan no prazo de quince días hábiles. Transcorrido este prazo, e resoltas as alegacións presentadas, o Concello resolverá a ordenación global que corresponda.

– Terraza fixa, permanente anual (desmontable): 30-40m2- ampliable, estacionalidade (xullo, agosto, setembro) , máximo 50% da praza, deixando sempre espazo suficiente para mobilidade).

No caso de que as terrazas foran instaladas por varios usuarios: Norma xeral será o Ancho da fachada sendo o máximo 10 mts de largo.

Artigo 10.- Condicións de instalacións en calzada sobre aparcamentos.

Para a ocupación da calzada sobre aparcamentos, con mesas e cadeiras, estarase as seguintes condicións:

a) Será en todo caso obrigatoria a colocación dunha tarima ou plataforma. A plataforma atoparase o mesmo nivel da beirarrúa, deixando o paso da auga pluvial debaixo da mesma ao carón do bordillo. A mesma deberá ser de doado desmontaxe para que a superficie situada debaixo sexa hixienizada.
b) Establécese a distinción segundo que o aparcamento de vehículos estea permitido en liña ou en batería.

1. Aparcamento en liña: Non se autorizará ningún tipo de ocupación con mesas nin cadeiras, salvo en calzadas de dobre circulación cun mínimo de 9 metros de ancho, deixando libres 7 metros para a circulación e nas de un só sentido de circulación, cun ancho mínimo de 6 metros lineais, deixando 4 libres para a circulación. Nestes supostos a tarima terá un ancho máximo de 2 metros, segundo as condicións establecidas con respecto ás tarimas neste artigo. A lonxitude da terraza non excederá en ningún caso de 10 metros, nin da lonxitude da fachada do establecemento si esta é inferior deixando libres 0,50 metros de cada un dos laterais con cada lindeiro, se ben poderá ampliarse ata o citado límite máximo previo consentimento por escrito dos veciños lindeiros afectados. Fíxase o paso mínimo entre dúas terrazas contiguas en 1,50 m.

2. Aparcamento en batería: A anchura da zona de ocupación en calzada non excederá en ningún caso de 3,50 metros sobre tarima, deixando desocupadas as zoas de espazos libres establecidas na presente ordenanza. Manterase sempre un mínimo de 4 metros de carril libre en rúas de circulación rodada de sentido único e 7 metros en dobre sentido. A lonxitude da terraza non excederá en ningún caso de 10 metros, nin da lonxitude da fachada do establecemento si esta é inferior deixando libres 0,50 metros de cada un dos laterais con cada lindeiro, se ben poderá ampliarse ata o citado límite máximo previo consentimento por escrito dos veciños lindeiros afectados. Fíxase o paso mínimo entre dúas terrazas contiguas en 1,50 m.

Características da tarima en zona de aparcadoiro en batería: Na instalación de terrazas en zonas de calzada uso aparcamento, sobre a superficie autorizada colocarase unha tarima, adosada ao bordillo da beirarrúa e sen sobrepasar o nivel do mesmo, coas seguintes características:

1. Deberá estar balizada perimetralmente polos lados con paraventos autorizados como elementos delimitadores e de protección, ou outros elementos de mobiliario segundo a tipoloxía establecido nesta ordenanza, que serán en todo caso acordes á imaxe do entorno urbano no que se atopan. A altura máxima do elemento de balizamento será de 1,20 metros. Ademáis diso levarán elementos de sinalización co obxecto de evitar accidentes.
2. Deberán estar construídas con materiais ignífugos e pavimento de caucho ou madeira para evitar a emisión de ruídos. 3. A súa instalación permitirá a limpeza diaria tanto da propia tarima como do pavimento sobre o que estea colocada.
4. A tarima superporase sobre a superficie autorizada, sen anclaxe algún ao pavimento. Irá adosada ao bordillo da beirarrúa e sen sobrepasar o nivel do mesmo.
5. Contará con elementos captafaros ou reflectores nas esquinas.
6. O acceso á terraza realizarase obrigatoriamente pola parte da beirarrúa.

As medidas irán en consonancia coa superficie das prazas do aparcamento.

Artigo 11.- .- Condicións técnicas comúns das terrazas con cerramento estable.

1.- Este tipo de instalación poderá autorizarse, previa valoración técnica do proxecto presentado polos interesados, conforme as condicións específicas que se indiquen en cada suposto polos servizos técnicos municipais e ás que se sinalan na presente Ordenanza. Estas instalacións, polo seu carácter provisional, deberán ser facilmente desmontables e deberán procurarse solucións homoxéneas.

2.- Os materiais recomendados para este tipo de cerramentos son a madeira, cristal e forxa e para as cubertas: pizarra natural ou imitación da mesma.

3.- A alternancia de distintos tipos de terraza (con e sen cerramento estable) nunha praza ou área peonil estudarase en cada caso, podendo denegarse calquera dos dous tipos por razóns estéticas.

4.- Só se autorizarán terrazas con cerramento estable, como norma xeral, sen pasar a fronte da fachada do establecemento de hostalería ao que dá servizo.

5.- A altura exterior máxima da estrutura será acorde ás condicións do edificio, contorna e outras circunstancias e en calquera caso a altura interior mínima será de 2,20 metros.

Artigo 12.- Condicións técnicas comúns das terrazas sen cerramento estable.

1.- As terrazas sen cerramento estable poderán autorizarse coas seguintes modalidades:

– Adosada á fachada do edificio onde se sitúe o local de hostalería, quedando prohibida expresamente a instalación na liña do bordo da beirarrúa polos problemas de tráfico e seguridade que ocasionaría.
– Separada do local por unha estrada unicamente cando se sitúe en prazas e paseos, e sempre que exista un informe favorable da autoridade competente en orde á preservación da seguridade viaria.

2.- Nas terrazas que estean adosadas á fachada dun edificio, todo o seu perímetro estará comprendido dentro da superficie ocupada polo local de hostalería, fronte a súa fachada, deixando libres 0,50 metros de cada un dos laterais con cada edificio lindeiro, se ben poderá ampliarse ata o citado límite máximo previo consentimento por escrito dos veciños lindeiros afectados que deberá achegarse ao expediente administrativo da autorización, e sempre e cando non existan espazos que deban quedar necesariamente libres polo medio, conforme ó disposto nesta ordenanza.

Igualmente caberá, previa autorización da propiedade contigua ao local de hostalería a colocación, dentro da lonxitude máxima establecida na presente ordenanza, de terrazas diante do fronte de locais contiguos ao do titular da autorización. A autorización neste caso, igual que no anterior, deberá acompañar á solicitude que se presente.

Artigo 13.- Condicións e limitacións comúns a todo tipo de terraza.

1.- Non poderán instalarse elementos de mobiliario das terrazas que resten visibilidade a outros establecementos, non podendo ocupar porcións de terreo diferentes das sinaladas.

2.- En calquera caso, respectarase unha distancia suficiente entre os elementos da terraza que se pretendan instalar e calquera outro elemento de equipamento ou mobiliario urbano, tales como, farois, bancos, árbores, etc., que garantan a súa función e que permitan os labores de mantemento.

3.- Non se autorizará a colocar elemento algún nas ramplas de acceso a pasos de peóns, debendo garantirse o cumprimento das distancias previstas na normativa de accesibilidade.

4.- A terraza en ningún caso creará problemas de accesibilidade nin entorpecerá actividades, entradas ou saídas dos lindeiros, entre outros.

5.- En ningún caso a instalación de terraza poderá realizarse sobre superficies axardinadas.

6- A zona ocupada pola terraza deberá manterse en permanente estado de limpeza. O titular da licenza responsabilizarase da limpeza da superficie ocupada.

7.- En todo caso, deberán deixarse completamente libres para a súa utilización inmediata:

 Os accesos a inmobles e o do propio establecemento, que terán un paso mínimo de 1.50 metros.
 Os accesos a garaxes.
 As entradas a galerías visitables.
 As bocas de rego.
 Os hidrantes.
 Os rexistros de sumidoiros.
 As saídas de emerxencia.
 As paradas de transporte regularmente establecidas.
 As destinadas a operacións de carga e descarga.
 As situadas en pasos de peóns.
 As paradas de autobuses e taxis.

En ningún caso poderá colocarse elemento ningún de mobiliario que dificulte a entrada e saída en vaos permanentes de paso de vehículos, debidamente autorizados e sinalizados, nin poderán impedir a visibilidade das sinais de tráfico.

8.- Non se permitirá a instalación de calquera clase de aparellos reprodutores de imaxe e/ou son nas terrazas, así como a celebración de espectáculos ou actuacións musicais, agás autorización municipal expresa.

9.- A instalación na vía pública de reclamos publicitarios, tales como: lousas, atrís, maniquíes, maceteiros, anuncios dos produtos á venda, e letreiros de prezos na superficie da vía pública, queda limitada á superficie obxecto de ocupación pola terraza autorizada.

10.- Deberanse colocar papeleiras e cinceiros suficientes na terraza para os usuarios da mesma.

11.- Algunha das fachadas do establecemento deberá ofrecer fronte con o espazo proposto para a instalación da terraza.

12- Entre a terraza e a beirarrúa, en espazos de lonxitude máxima (10 metros) ou en beirarrúas de superficie inferior a 2 metros deberá existir unha delimitación da terraza, isto significa que poderá contar cun ou varios accesos á mesma, pero evitarase que os usuarios das terrazas invadan as beirarrúas, dificultando o paso nas mesmas.

13.- No caso de terrazas sen cerramento estable, permítese o peche lateral e da cuberta da terraza con elementos translúcidos e recoméndase o uso de separadores, cunha altura máxima de 1,80 metros sempre e cando sexan diáfanos ou realizados con material transparente, e toldos móbiles.

14.- Será obrigatorio, para poder instalar terrazas anexas a establecementos dedicados a restaurante ou cafetería, estar en posesión da autorización turística autonómica que ampare tal establecemento.

15.- O concello, a través do servicio municipal competente poderá ditar as normas complementarias que estime oportunas por razóns de tráfico, en desenvolvemento desta Ordenanza, modificando incluso as dimensións das terrazas.

Artigo 14.- Prohibicións específicas.

1.- Non se permitirá a instalación de mostradores de atención ao público ou outros elementos para o servizo da terraza, que deberá ser atendida desde o propio establecemento.

Con carácter excepcional, en terrazas con servizo de restaurante e/ou exentas, poderase permitir en casos xustificados a colocación dunha mesa de apoio. Esta servirá unicamente de soporte aos elementos de menaxe, non podendo utilizarse como barra de servizo, nin dedicarse a calquera uso que desvirtúe o seu carácter estritamente auxiliar.

2.- Queda prohibida a instalación de mostradores ou vitrinas expositoras, frigoríficos, cociñas, asadores, máquinas expendedoras de produtos, recreativas, de xogos de azar, billares, futbolines ou calquera outra de característica análoga, salvo dispensa expresa da Alcaldía en casos excepcionais debidamente solicitados en períodos de festas, que non poderá superar os 3 días.

3.- Non se permitirá ningunha clase de obras de fábrica ou albanelería sobre as zonas de dominio público que incumpran as prescricións da presente ordenanza. Non poderán realizarse instalacións de mobiliario distintas das expresamente autorizadas.

4.- Queda prohibida, con carácter xeral, a colocación de mamparas ou xardiñeiras divisorias, salvo razóns xustificadas que serán postas de manifesto polo interesado cando formule a solicitude da licenza.

No caso de que se autorizasen, deberán estar homologadas pola administración, ser móbiles ou pregables, translúcidas, cunha altura máxima de 1,50 metros, en consonancia co resto do mobiliario, e non poderán en ningún caso rebasar o ancho autorizado de superficie da terraza.

Exceptúanse neste caso os supostos de terrazas da zona de aparcamento en batería ou en liña cando sirvan como separadores das zonas delimitadas, que se referirán ao réxime xurídico establecido para eses casos concretos.

5.- Queda prohibido fixar o mobiliario das terrazas mediante ancoraxes no pavimento das calzadas ou beirarrúas.

6.- Queda prohibida o pintado das rúas e beirarrúas delimitando a zoa de terraza.

7.- A instalación de aparatos eléctricos, deberá ir expresamente na solicitude e cumprir as prescricións legais que se requiren para una instalación deste tipo no exterior. Non obstante, no caso de existir iluminación debe ser tenue de baixa intensidade.

8.- Queda prohibida a impresión de publicidade nos elementos de mobiliario das terrazas de hostalería, salvo o elemento aprobado pola administración.

Non se considerará publicidade a inserción do nome comercial ou logotipo do establecemento en toldos, parasoles ou nos biombos, con dimensións discretas e estéticas.

CAPÍTULO II. CONDICIÓNS ESTÉTICAS DAS TERRAZAS.

Artigo 15.- Materiais do mobiliario.

1.- O material do mobiliario que ocupe a superficie autorizada poderá ser de aluminio, madeira arpilleira ou similares en calidades, evitando materiais plásticos de baixa calidade e de natureza fráxil con exceso de propaganda comercial.

O mobiliario disporá de protección plástica ou semellante para evitar a xeración de ruídos no manexo.

O Concello determinará tamén os modelos de toldos que poderán ser instalados, e neste caso tanto o voo como o pé de apoio deberán quedar dentro da superficie autorizada. Igualmente se establece para os restantes elementos de mobiliario autorizados.

2.- A cor dos materiais de cada unha das terrazas terá que ser uniforme, de xeito que tódolos elementos do mobiliario dunha mesma terraza serán da mesma cor, podendo optar o instalador polos aprobados no anexo I desta Ordenanza.

Artigo 16.- Criterios estéticos.

1.- Co fin de homoxeneizar a estética promovida por esta norma, será obrigatorio que os titulares das licenzas de ocupación da vía pública e os novos autorizados utilicen os elementos de mobiliario acordados pola administración, que se atopan referenciados para a súa identificación no Anexo I desta Ordenanza.

Con carácter xeral, prohíbese a instalación de mobiliario diferente do referido no citado Anexo I, tanto polo uso de outros materiais non permitidos como pola instalación de elementos alleos, tales como mamparas de metacrilato ou similares, que serán autorizados de xeito extraordinario e logo da valoración ponderada de todos os intereses concorrentes pola administración, previa presentación de proxecto que conterá un croquis indicativo da instalación e disposición dos elementos da ocupación.

2.- Os elementos que ocupen o espazo acotado autorizado para a instalación da terraza, tales como mesas, cadeiras, toldos, parasoles, ou outros auxiliares, deberán reunir as características que se entendan precisas para a súa función, de material resistente, de fácil limpeza e de boa calidade. Deberán harmonizar entre si e co entorno no que se sitúe en cromatismo, materiais e deseño.

Así mesmo, deberán reunir as debidas condicións de estabilidade e seguridade sen que polas súas características, uso previsible, disposición ou modo de instalación, poidan supoñer un risco para os usuarios da instalación ou para os viandantes nin para os bens públicos ou privados.

3.- Non poderán realizarse instalacións distintas nin colocarse mobiliario, elementos decorativos ou revestimentos de chan que non estean incluídos expresamente na autorización.

TÍTULO III.

RÉXIME XURÍDICO DAS AUTORIZACIÓNS.

CAPÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 17.- Sometemento a autorización administrativa.

A implantación de instalacións de terraza sobre terreos ou instalacións de dominio público municipal ou terreos particulares de uso público, requirirá a previa e preceptiva autorización municipal.

As autorizacións administrativas outorgaranse directamente aos peticionarios que reúnan as condicións requiridas, de conformidade co previsto na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común, así como co establecido na presente ordenanza.

Artigo 18.- Natureza da autorización.

1.- As autorizacións facultan ao seu titular para a instalación de terrazas nas concretas condicións coas que se outorgan, non concedendo ao seu titular máis dereitos que os propios contidos nesta Ordenanza.

2.- Só serán transmisibles conxuntamente coas licenzas urbanísticas dos establecementos aos que estean vinculadas. O antigo e o novo titular deberán comunicar esta circunstancia ao Concello, xunto coa presentación da póliza de seguro de responsabilidade civil en vigor a nome do novo titular. A falta da devandita comunicación implica a suxeición de ambos a todas as responsabilidades.

3.- As autorizacións poderán ser revogadas unilateralmente pola administración concedente, en calquera momento por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización.

4.- A autorización sempre se entenderá outorgada salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo do de terceiro.

Artigo 19.- Titularidade das autorizacións.

1.- A licenza outorgarase a quen ostente a titularidade da licenza de apertura do establecemento que linde co espazo exterior que se pretenda ocupar.

2.- No caso de falecemento do titular, subrogaranse na licenza os herdeiros, sempre que se manteña a licenza para a actividade do establecemento e a terraza.

A subrogación deberá ser solicitada, e o interesado achegará a documentación que acredite a súa condición de herdeiro e xustificar o cambio de titularidade da licenza para a actividade do establecemento anexo á terraza.

3.- As autorizacións para a instalación de terraza non poderán ser obxecto en ningún caso de arrendamento, subarrendamento ou cesión independente para a súa explotación. O incumprimento dará lugar á perda de vixencia da devandita autorización.

Artigo 20.- Requisitos para a obtención da autorización.

Serán requisitos indispensables para a obtención da autorización, os seguintes:

a) A licenza de actividade de hostalería deberán estar en vigor. Non obstante, poderá formularse a solicitude a condición de que se atope en tramitación, aínda que non poderá concederse ata que se estea en posesión da precitada licenza.

b) Non ter débedas coa Facenda Municipal, o que se verificará polos servizos municipais correspondentes. A solicitude de utilización do espazo ou a súa renovación faculta á unidade municipal competente para verificar a concreta situación da persoa interesada respecto diso da súa condición de non debedora con este Concello.

c) O titular da instalación deberá dispoñer dun seguro de responsabilidade civil e de incendios que dea cobertura aos posibles riscos que puidesen derivarse para as persoas e/ou as cousas con motivo do funcionamento, instalación e retirada da instalación e durante o período de vixencia da mesma.

Artigo 21. Suxeición do titular as obrigas.

O titular da autorización quedará obrigado diante da administración municipal a cumprir as obrigas que se deriven do seu outorgamento. O incumprimento das condicións fixadas implicará a caducidade das concesións.

Artigo 22. Garantías.

1. Facultativamente, cando a administración así o considere, para outorgar as autorizacións obxecto desta Ordenanza, no caso de que concorran circunstancias que fagan presumir a posibilidade de causar danos en bens públicos, requirirase aos interesados para constituír unha garantía polo importe que se sinale para asegurar a correcta execución das obras de instalación dos elementos de ocupación no dominio público, o cumprimento das obrigas impostas nesta ordenanza e a reposición do demanio ao seu estado correcto.

2. A garantía constituirase con carácter previo a que se dite a resolución que outorgue a autorización, e a falta de constitución representará, en todo caso, unha causa de caducidade da autorización.

3. Cando rematen os efectos do permiso, a garantía restituirase ao interesado, previo informe favorable dos servicios municipais.

Artigo 23.- Recursos.

O réxime de recursos contra os actos dos órganos municipais, sobre os materiais regulados na presente ordenanza, axustarase ás disposicións xerais da lexislación de réxime local.

CAPÍTULO II.- PROCEDEMENTO DE OUTORGAMENTO.

Artigo 24.- Solicitude e documentación que se debe achegar á mesma.

1.- A solicitude dos interesados presentarase no Rexistro de entrada municipal, ou a través de calquera dos medios recoñecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, cun mes de antelación á posta en servizo da mesma, no modelo normalizado que se facilitará pola administración.

Este prazo non se terá en conta cando se obtivera a licenza de apertura con posterioridade ao mesmo e así sexa acreditado.

Por razóns de interese público poderán modificarse a instancia do solicitante as condicións da autorización previamente concedida.

A instalación non poderá realizarse ata que a autorización sexa debidamente notificada ao solicitante.

2.- Con carácter xeral, as solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia do documento nacional de identidade do interesado se é persoa física ou do número de identificación fiscal se é persoa xurídica.
b) Fotocopia da licenza municipal de actividade do establecemento.
c) Unha descrición polo miúdo dos elementos que se pretenden instalar na terraza, que deberán estar contados de entre os relacionados no Anexo I da presente Ordenanza.
d) Un plano a escala axeitada da terraza, ou croquis de situación, onde se coloquen os elementos do mobiliario, e se especifique o seu número e situación. Neste documento sinalaranse o número de metros cadrados que se pretenden ocupar.
e) Unha memoria explicativa na que se indique o tipo de mobiliario que se vai instalar, así como as necesidades do número e colocación dos mobles en relación coa actividade que se vai realizar. Na mesma aportarase unha fotografía ou debuxo, a modo de croquis, dos deseños a utilizar e dos alzados dos elementos a instalar.
f) Se emprazamento solicitado excede da anchura da fachada do local de hostalería e invade as frontes dos espazos limítrofes, unha autorización dos titulares dos espazos privados invadidos.
g) No caso de que o emprazamento proposto fose de dominio privado, unha autorización escrita do propietario acreditado desta superficie.
h) Certificado de tesourería municipal de atoparse ao corrente das obrigas tributarias municipais.
i) Xustificante do seguro de responsabilidade civil polos posibles danos sufridos polos ocupantes das terrazas, viandantes, vía pública e mobiliario urbano por un importe mínimo de 300.000,00 euros.
j) Datos catastrais do establecemento.
K) Xustificante de abono da taxa correspondente baixo réxime de autoliquidación ou certificado de exención ou bonificación se cabe.
l) No caso de que resulten afectados bens afectados pola intervención de Partrimonio será necesario un Plano de emprazamento da actuación indicando a situación con respecto aos bens protexidos nese ámbito, asi como fotografías do emprazamento das obras propostas, do ben protexido.

3.- Nas terrazas con cerramento estable, deberase achegar, ademais do establecido nos apartados anteriores, a seguinte:

a) Estudo asinado por técnico competente (tres copias) que conterá, en función da complexidade da instalación pretendida:

a.1.) Memoria, na que se incluirá, ademais do indicado no aptdo 2. e) deste artigo, unha descrición pormenorizada das características da instalación da terraza e na que se acreditará expresamente o carácter desmontable.

a.2.) Planos: incluiranse tantos planos como sexan necesarios, para a definición en detalle dos elementos que se pretendan instalar. Polo menos, será necesario incluír, en función de cada caso concreto, os seguintes (ademais da indicada no aptdo. 2.d)):

– Planta xeral.
– Plano de planta dos elementos de cubrición superior, no seu caso, no que se reflictan pendentes, puntos de recollida de augas, etc.
– Alzados (laterais, frontal e posterior) e seccións.
– Planos de estrutura, nos que se reflectirá, especificamente, o sistema de suxeición ou apoio, no seu caso.
– Planos de instalacións, no seu caso.
– Planos de detalles. Presentaranse tantos como sexa necesario para permitir a correcta execución da terraza solicitada, prestando especial atención aos detalles de unións e nós entre elementos estruturais.

a.3.) Anexo de cálculo da estrutura, cuxo contido será o establecido na normativa vixente de aplicación. Neste documento incluiranse as esixencias relativas á capacidade portante, aptitude ao servizo, accións e combinacións consideradas, coeficientes de seguridade, comprobación dos estados límites e de estabilidade (pandeo), seguridade fronte ao envorco, esvaramento e levantamento.

a.4.) Xustificación acerca da adecuación da instalación pretendida á vixente en materia de prevención e extinción de incendios, evacuación, estabilidade e clasificación de produtos en función das súas propiedades de reacción e resistencia ao lume. Así mesmo, indicarase expresamente, no seu caso, que as instalacións (tales como climatización, iluminación,etc) proxéctanse conforme a normativa vixente.

b) Documento de autoliquidación e ingreso da fianza no seu caso esixida.
c).-Unha vez realizada a instalación, achegarase un certificado de fin de instalación, asinado por técnico competente.

Se a documentación non estivese visada acompañarase declaración expresa do autor da documentación.

Artigo 25.- Procedemento de tramitación.

1.- As solicitudes de autorizacións tramitaranse polo órgano municipal competente, de acordo co previsto na lexislación de réxime local e de procedemento administrativo de xeito tal que, adoecendo a solicitude ou a documentación achegada xunto coa mesma, de defecto algún segundo o previsto no artigo precedente; emitirase requirimento ao solicitante para que proceda á súa emenda de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro; de Procedemento Administrativo Común.

2.- Formulada a solicitude nos termos esixidos na presente Ordenanza, a unidade encargada da súa tramitación solicitará os informes técnicos e xurídico, así como calquera outro que se estime procedente, elevando a correspondente proposta á Alcaldía ou, no seu caso, á concellería á que lle foran delegadas as competencias de resolución nesta materia.

3.- O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses a contar desde a data de presentación da solicitude no rexistro do Concello.

Transcorrido devandito prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa poderase entender desestimada a solicitude por silencio administrativo aos efectos de interpoñer os correspondentes recursos.

4.- En todo caso, a instalación da terraza non poderá realizarse ata que non se obteña a autorización expresa.

5.- As resolucións que outorguen a autorización administrativa conterán a seguinte información:

– titular da autorización administrativa e nome ou razón social,
– NIF ou CIF,
– denominación comercial e dirección do local do establecemento ao que se vincula a terraza,
– extensión da superficie autorizada a ocupar,
– descrición dos elementos que se autorizan a instalar con indicación sucinta das súas características, así como número de mesas e cadeiras, e demais mobiliario auxiliar autorizado,
– período de vixencia da autorización,
– horario de funcionamento da terraza de ser diferente do establecido con carácter xeral,
– demais condicións particulares, no seu caso.

Artigo 26.- Ámbito temporal.

1.- As autorizacións poderán outorgarse por período anual –do 1 de xaneiro ao 31 de decembro- ou por meses naturais, entendéndose neste caso tacitamente prorrogadas durante os meses seguintes aos da súa concesión cando nin o Concello nin o interesado comuniquen por escrito a súa vontade contraria á prórroga, previo abono da taxa correspondente neste suposto.

2. O disposto no apartado anterior non impedirá a facultade da administración de resolver ou revogar a licenza, ou a caducidade da mesma, de acordo co disposto nesta Ordenanza.

3. O feito de ter sido titular dunha licenza en situacións anteriores non xera para o interesado dereito ningún en posteriores peticións.

4. Caducada unha licenza, o titular terá que deixar libre o espazo ocupado e retirar os elementos instalados, e repoñer o espazo ao seu estado orixinal no prazo máximo de tres días.

5. No suposto de que o titular da licenza pretenda modificar as características físicas autorizadas, tanto na superficie ocupada como na cantidade de mobiliario utilizado, deberá solicitalo no rexistro xeral do Concello , por tratarse dunha nova licenza, ou nos demais rexistros autorizados, sempre que cumpra as previsións do artigo 21 desta Ordenanza, sendo tamén neste caso solicitar novamente autorización do órgano competente en materia de patrimonio, como no caso de cambio na lexislación vixente.

CAPÍTULO III.- DEREITOS E OBRIGAS DOS TITULARES.

Artigo 27.- Exercicio de actividades propias.

Con carácter xeral, o titular dunha autorización terá o dereito a exercitar as actividades no seu propio termo, con suxeición ás condicións establecidas no título administrativo e ás disposicións desta Ordenanza.

Artigo 28.- Obrigacións do titular da instalación.

Sen prexuízo das obrigacións de carácter xeral, e das que se deriven da aplicación da presente Ordenanza, será obrigación do titular da instalación:

1.- Instalar os elementos para realizar a ocupación e a levar a cabo as obras necesarias para exercer as actividades autorizadas, con suxeición ao contido da autorización e ás instrucións ditadas polos servicios técnicos municipais.

2.- Respectar os horarios autorizados, así como cumprir as demais condicións impostas na autorización concedida.

3.- Manter, tanto o chan cuxa ocupación se autoriza como a terraza e cada un dos elementos que a compoñen, nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. A tales efectos, deberá dispoñerse dos correspondentes elementos de recollida e almacenamento de residuos para manter en condicións de limpeza o espazo de uso público. Ao termo de cada xornada e do horario de terraza autorizado deberán realizarse as tarefas de limpeza necesarias no chan ocupado.

4.- Velar para que os usuarios non alteren a orde nin realicen actividades ruidosas que xeren molestias aos veciños ou aos demais usuarios de espazo público.

5.- Adoptar as previsións necesarias para que os usuarios da terraza non excedan os límites do espazo autorizado.

6.- Retirar, ao termo de cada xornada e do horario autorizado, todos os elementos instalados, que serán recolleitos diariamente no interior do local. Non se permitirá utilizar a vía pública como almacén ou lugar de depósito e apilamento de mobiliario ou calquera outro elemento, aínda cando se efectúe na porción de espazo público autorizado, xa se produza dentro ou fóra do horario concedido.

Exceptúase desta prohibición a tempada de verán ou épocas que por desenvolverse en períodos vacacionais teñan a consideración xeral de tempada alta, con bonanza do tempo atmosférico. Nestes casos o mobiliario deberá deixarse perfectamente suxeito e situado pegado a fachada do local de hostalería, e evitando que entorpeza o uso da vía pública polos viandantes.

Para o tipo de terraza con cerramento estable, poderá autorizarse a permanencia dalgún/ s dos elementos da instalación no espazo autorizado, ata o termo de vixencia da autorización.

Cando estea o mobiliario da terraza acopiado na vía pública queda terminantemente prohibido a suxeición ou amarre deste a elementos de mobiliario público urbano, sinais de tráfico, árbores ou instalacións públicas. O incumprimento desta prohibición suporá a comisión dunha infracción administrativa ás disposicións da presente ordenanza e dará lugar á apertura do correspondente procedemento sancionador.

7.- Deberá prestarse especial dilixencia e coidado durante as tarefas de montaxe, retirada e manexo dos elementos da terraza, non permitíndose o arrastre dos mesmos e minimizando o ruído que puidese producirse.

8. Non poderán afectarse bens, obras ou servizos polo que, se resultase afectado o pavimento ou calquera outro elemento do espazo público, con motivo do funcionamento da instalación, será responsable dos danos ocasionados, debendo responder da reposición dos bens ou servizos afectados.

Se o titular non cumpre esta obriga, o Concello poderá facela efectiva á súa costa, e o titular quedará inhabilitado para obter sucesivas autorizacións polo prazo mínimo de dous anos e máximo de cinco.

9. Responder polos danos ocasionados ás persoas ou ás cousas con motivo do funcionamento, instalación e retirada da terraza, e durante o período en que se atope instalada.

10. O titular da instalación deberá ter en todo momento, ao disposición da autoridade competente, o título habilitante para o exercicio da actividade, no que constarán a superficie e o mobiliario autorizado, e a resolución de autorización para a terraza así como os xustificantes da existencia de póliza en vigor do seguro de responsabilidade civil, e de abono das taxas municipais.

11.- As instalacións autorizadas deberán retirarse de forma inmediata cando iso sexa necesario para o acceso de vehículos autorizados ou de emerxencias, recollida de residuos, rega ou limpeza de rúas e para a prestación de calquera outro servizo público ou de interese xeral que o requira.

12.- Finalizada a vixencia da autorización, o titular da mesma deberá retirar da vía pública todos os elementos da terraza, mobiliario e instalacións autorizadas, debendo quedar completamente expedita para o tránsito peonil a porción de espazo público. No suposto de incumprimento desta obrigación, procederá ao seu cumprimento o Concello, mediante a súa execución subsidiaria á conta do obrigado.

13.- Cumprir as obrigas derivadas da normativa xeral ou sectorial de aplicación en cada caso.

Artigo 29.- Taxas.

Os aproveitamentos obxecto da presente normativa estarán suxeitos ao pago das correspondentes exaccións fiscais de acordo coa ordenanza que as regula.

CAPÍTULO IV.- EXTINCIÓN DAS AUTORIZACIÓNS.

Artigo 30.- Formas de extinción.

A autorización quedará extinguida nos seguintes casos:

a) Por renuncia do seu titular.
b) Por caducidade.
c) Por resolución ou revogación.

Artigo 31.- Caducidade.

As autorizacións obxecto da regulación deste texto caducarán nos seguintes casos:

a) Por falta de uso da licenza durante un prazo dun ano.
b) Polo transcurso do prazo polo que foi concedida.
c) Por non manter en correcto estado o solo público onde se sitúen.
d) Por dedicar o local a fins distintos dos declarados polo titular.
e) Pola falta de pagamento das taxas derivadas do uso especial da vía pública.
f) Por incumprir as condicións fixadas pola administración na licenza.

Artigo 32.- Resolución e revogación da licenza.

1. A licenza quedará resolta e sen efecto cando o interesado incumpra calquera das condicións xerais derivadas desta Ordenanza, ou da normativa xeral ou específica de aplicación. Tamén no caso de que cometese algún acto que imposibilite a concesión, ou por circunstancias sobrevidas que motiven á administración para revocar os permisos concedidos.

2. En particular, as licenzas quedarán anuladas polo incumprimento das seguintes obrigas:

a) Facilitar datos falsos ou incompletos para conseguir o permiso.
b) Destinar a licenza a un uso diferente do que constitúe o seu obxecto.
c) Non realizar as obras que, de ser o caso, poida ordenar o Concello.

Artigo 33.- Efectos da extinción.

Unha vez extinguida a licenza, o interesado terá que cumprir coas obrigas de repoñer a superficie ocupada ao seu estado anterior á concesión da autorización administrativa.

No suposto de incumprir esta obriga, o Concello requirirá á persoa responsable o custo da reposición dos bens públicos danados.

TÍTULO IV.

RÉXIME E PROCEDEMENTO SANCIONADOR.

CAPÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 34.- Réxime sancionador.

O incumprimento das disposicións da presente Ordenanza poderá dar lugar á comisión dalgunha ou varias das infraccións que se recollen na mesma. Nese caso tramitarase expediente sancionador para depurar a responsabilidade administrativa en que poida incorrerse.

Artigo 35.- Suxeitos responsables.

Serán responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas titulares das instalacións.

Artigo 36.- Procedemento sancionador.

1.- A imposición das sancións previstas na presente Ordenanza, requirirá a previa incoación e instrución do procedemento correspondente, o cal se substanciará conforme o disposto na lexislación xeral sobre procedemento administrativo común.

2.- A tramitación do pertinente procedemento sancionador se levará a cabo polo órgano que ostenta a competencia de autorización na materia.

3.- Durante a tramitación dos expedientes sancionadores, poderán adoptarse medidas cautelares, co contido e efectos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4.- O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de seis meses.

Artigo 37.- Órgano competente.

1.- A incoación e resolución dos procedementos sancionadores corresponderá ao órgano municipal competente para conceder a correspondente autorización.

Artigo 38.- Medidas cautelares.

Cando a instalación impida ou dificulte notablemente o uso común xeneral, perturbe ou supoña perigo de perturbación da seguridade e tranquilidade pública, ou supoña calquera outro grave prexuízo aos intereses xerais, iniciado o correspondente procedemento sancionador, poderá acordarse a adopción de medidas cautelares, tales como entre outras a retirada das instalacións ilegais, a suspensión da autorización administrativa para colocación da terraza.

O Concello poderá adoptar as medidas cautelares que fosen necesarias para garantir o cumprimento da presente Ordenanza e as esixencias dos intereses xerais, entre outros nos seguintes supostos:

– Instalación de terraza sen autorización municipal.
– Ocupación de maior superficie da autorizada, coa finalidade de recuperar a dispoñibilidade do espazo público indebidamente ocupado para o goce dos usuarios.
– Cando requirido o titular ou representante para a recollida ou retirada da terraza incúmprase o ordenando pola autoridade municipal ou os seus axentes.

Artigo 39.- Cumprimento das medidas cautelares e das resolucións ditadas.

1.- As medidas cautelares adoptadas, e as ordes de restablecemento da legalidade ditadas nos expedientes sancionadores tramitados serán inmediatamente executivas conforme ao disposto na Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, e deberán cumprirse nos prazos establecidos ou, na súa falta, no prazo de dez días.

2.- O incumprimento polo interesado das ordes contidas nas medidas cautelares adoptadas ou nas resolucións ditadas ao efecto, conlevará a utilización administrativa dos medios de execución forzosa previstos nos artigos 99 e seguintes da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, sen prexuízo do exercicio das accións de recuperación de oficio, e demais prerrogativas municipais que respecto do dominio público ostenta a Administración.

Artigo 40.- Almacenaxe de elementos retirados.

Os elementos retirados subsidiariamente pola Administración Municipal, serán trasladados aos almacéns habilitados a tal efecto polo Concello, nos que permanecerán por espazo dun mes a disposición dos seus titulares, que, con carácter previo á súa recollida deberán facer efectivo o importe do custo da execución subsidiaria e a posible sanción.

De non procederse polos seus titulares a dita recollida no prazo disposto, terán a consideración de residuos urbanos e quedarán a disposición da Administración Municipal.

CAPÍTULO II.- INFRACCIÓNS.

Artigo 41.- Infraccións.

1.- Constitúen infraccións as accións e omisións que contraveñan a normativa contida nesta Ordenanza, así como as concretas condicións a que se suxeiten as correspondentes autorizacións. Aos efectos do establecido no parágrafo anterior, terá a consideración de acto independente sancionable cada actuación separada no tempo ou no espazo que resulte contraria ao disposto nesta Ordenanza.

2.- As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves.

Artigo 42.- Infraccións leves.

Cualifícanse como infraccións leves as seguintes:

a) A instalación dunha terraza carecendo da preceptiva autorización municipal cando sexa posible a súa legalización.
b) O incumprimento da obrigación de manter o espazo de uso público onde se emprace a terraza autorizada e cada un dos elementos que a compoñen nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato, tanto durante o seu funcionamento como ao termo do mesmo.
c) O deterioro leve dos equipamentos, infraestruturas, instalacións ou espazo de uso público, que se produza como consecuencia do funcionamento da terraza.
d) A ocupación de maior superficie da autorizada cando este exceso non supere o 20 %.
e) A colocación ou emprazamento da terraza en disposición diferente da autorizada.
f) A instalación de elementos de mobiliario ou auxiliares non previstos na autorización e/ou en número maior dos autorizados, sempre que non se supere a superficie de ocupación autorizada.
g) O incumprimento de horario de inicio ou de peche en menos de 1 hora.
h) Calquera outra acción ou omisión contraria ás disposicións desta ordenanza non expresamente tipificadas como grave ou moi grave.

Artigo 43.- Infraccións graves.

Cualifícanse como infraccións graves as seguintes:

a) A instalación dunha terraza carecendo da preceptiva autorización municipal sen posibilidade de legalizar a situación, por contradicir as condicións conforme ás que se conceden os permisos.
b) O uso indebido da autorización concedida. A instalación de elementos de mobiliario ou auxiliares non previstos na autorización e/ou en número maior dos autorizados, superando a superficie de ocupación autorizada.
c) O deterioro grave dos elementos do mobiliario e ornamentos anexos ou colindantes coa superficie ocupada, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza, e sen prexuízo da reposición dos danos á súa costa.
d) A ocupación de maior superficie á autorizada en máis dun 20%.
e) A negativa a facilitar, a requirimento da autoridade, a licenza de instalación autorizada.
f) Desobedecer os requirimentos lexítimos que realicen os axentes da autoridade.
g) A colocación de envases ou calquera clase de elementos fóra da superficie autorizada. Estes elementos serán retirados polos servicios municipais á costa do titular da licenza, se a tivese. No seu defecto, farase por conta do titular do establecemento, sen prexuízo da imposición da sanción que corresponda.
h) O apilamento do mobiliario da terraza cando non estea en uso suxeitándoo a elementos de mobiliario urbano, sinais de tráfico, árbores ou instalacións públicas. Neste caso, o mobiliario poderá ser retirado polos servicios municipais por conta do titular da licenza, se a tivese. No seu defecto, farase por conta do titular do establecemento, sen prexuízo da imposición da sanción que corresponda.
i) A instalación de elementos de mobiliario non autorizados nin conforme ás condicións establecidas no presente regulamento.
j) O incumprimento da obrigación de retirar e recoller os elementos da terraza, unha vez finalizado o horario de funcionamento. e nos termos establecidos na presente Ordenanza.
k) A reiteración por dúas veces na comisión de faltas leves no prazo de dous anos. A estes efectos enténdese cometida a falta cando estea rematado o expediente sancionador na vía administrativa, con independencia do recurso contencioso-administrativo que poida interpoñerse contra a resolución sancionadora.

Artigo 44.- Infraccións moi graves.

Cualifícanse como infraccións moi graves as seguintes:

a) Non desmontar as instalacións unha vez rematado o período de vixencia ou cando fose requirido polo Concello. Os elementos instalados serán retirados polos servicios municipais por conta do titular da licenza, se a tivese, ou no seu defecto, do titular do establecemento, sen prexuízo da imposición da sanción que proceda.
b) Incumprir as condicións técnicas da instalación e as dotacións fixadas na licenza.
c) O desobedecemento reiterado dos requirimentos que realicen os axentes da autoridade.
d) A carencia de seguro de responsabilidade civil.
e) A reiteración por dúas veces na comisión de faltas graves no prazo de dous anos. A estes efectos enténdese cometida a falta cando estea rematado o expediente sancionador na vía administrativa, con independencia do recurso contencioso-administrativo que poida interpoñerse contra a resolución sancionadora.
f) A instalación de terrazas sen ter previamente aboada por réxime de autoliquidación a correspondente taxa.
g) O incumprimento das condicións técnicas de instalación ou outras condicións específicas que se contemplaron no documento da autorización. h) A ocultación, manipulación ou falsificación dos datos ou da documentación presentada para a obtención da correspondente autorización.

CAPÍTULO III.- SANCIÓNS.

Artigo 45.- Sancións.

1.- As citadas infraccións serán sancionadas da seguinte forma:

a) As infraccións leves con multa de 100 ata 300 euros.
b) As infraccións graves con multa de 301 euros ata 1000 euros.
c) As infraccións moi graves con multa de 1001 ata 2000 euros.

2.- A comisión de infraccións graves poderá levar aparellada como accesoria a imposición da sanción de revogación da autorización municipal.

3.- A comisión de infraccións levará aparellada como accesoria a imposición da sanción de revogación da autorización municipal e a posibilidade de inhabilitación para a obtención de futuras autorizacións reguladas por esta Ordenanza, durante o prazo máximo dun ano.

4.- O establecido nos apartados 2 e 3 aplicarase en atención á transcendencia social do feito e demais circunstancias que concorran, especialmente cando se produza unha perturbación importante da normal convivencia que afecte de modo grave, inmediato e directo á tranquilidade, ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas, ao normal desenvolvemento de actividades de toda clase conforme á normativa que resulte de aplicación.

5.- A sanción é independente e compatible coa legalización da instalación, se procede, así como coa liquidación da taxa pola ocupación non autorizada e recargas que procedan no seu caso.

6.- En ningún caso a sanción será inferior ao beneficio económico que a infracción supoña para o infractor.

Artigo 46.- Gradación das sancións.

Na gradacións das sancións deberase gardar a axeitada adecuación entre a gravidade da infracción cometida e a sanción aplicada. Valorarase a existencia de intencionalidade, a natureza dos prexuízos causados, a reiteración dos feitos e a intensidade dos danos causados a bens públicos ou as perturbacións ocasionadas aos demais usuarios da vía pública.

Terá a consideración de circunstancia atenuante da responsabilidade, a adopción espontánea, por parte do autor da infracción, de medidas correctoras con anterioridade á incoación do expediente sancionador.

Artigo 47.- Competencia para impoñer as sancións.

1. O alcalde do Concello, ou ben o concelleiro que teña delegadas as funcións, será competente para impoñer as sancións cando procedan, logo da instrución do correspondente expediente sancionador.

2. Será competencia do alcalde, ou do concelleiro en quen delegue, garantir o exacto cumprimento das normas contidas nesta Ordenanza, a través dos servicios administrativos aos que se lle encomenden estas funcións.

Artigo 48.-Prescrición.

1.- As infraccións leves prescriben aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.

2.- As sancións impostas por infraccións leves prescriben ao ano; as sancións por infraccións graves, aos dous anos e as sancións por infraccións moi graves prescriben aos tres anos.

3.- O cómputo do prazo de prescrición e a súa interrupción realizarase conforme ao establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 49.- Reposición da legalidade. Compatibilidade.

As responsabilidades administrativas que resulten do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia ao infractor da reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como á indemnización polos danos e prexuízos causados.

Sen prexuízo do exercicio da potestade sancionadora e doutras potestades recoñecidas polo Ordenamento Xurídico, o incumprimento dos preceptos desta Ordenanza poderá dar lugar á adopción das medidas que resulten procedentes a fin de restablecer a legalidade infrinxida.

Nos supostos en que o Concello comprobe a instalación de terraza sen contar coa preceptiva autorización para iso, ou acorde á revogación ou suspensión da autorización por calquera das causas previstas nesta Ordenanza, requirirase ao titular para que proceda á retirada da vía pública dos elementos da terraza no prazo de dez días hábiles, con apercibimento de que, caso de non cumprimentar o ordenado, procederase á execución forzosa, mediante execución subsidiaria á conta do obrigado.

Artigo 50.- Reclamación das taxas.

Cando se detecte a existencia das instalacións reguladas na presente Ordenanza, sen autorización administrativa ou incumprindo o disposto na mesma, con independencia da imposición de sancións que procedan e da adopción das medidas de restitución da legalidade que resulten pertinentes, procederase á liquidación e esixencia de pago das taxas pendentes de abono ou da diferenza entre o importe abonado e o procedente en función da utilización real do dominio público efectuada correspondente ao período en que se produciu o aproveitamento.

O anterior realizarase de acordo co establecido nesta ordenanza, na ordenanza fiscal municipal, así como na lexislación de facendas locais e demais lexislación tributaria que resulte de aplicación. E todo iso sen prexuízo das sancións tributarias que resulten procedentes.

CAPÍTULO IV.- DEFENSA DOS CONSUMIDORES.

Artigo 51.- Suxeición á normativa de consumo. Follas de reclamacións e lista de prezos.

1.- A natureza da actividade de instalación de terrazas implicará que xunto coas prescricións propias desta Ordenanza sobre o réxime sancionador, serán de aplicación tamén a normativa reguladora das infraccións e sancións en materia de defensa de consumidores e usuarios, xunta coa suxeición ao protocolo de mediación en consumo establecido no Concello.

2. Todos os establecementos que dispoñan dunha terraza disporán das correspondentes follas de reclamacións normalizadas a disposición de consumidores e usuarios.

3. Os titulares das licenzas deberán expoñer ao público, en lugar visible, a lista de prezos e o documento mediante o que se outorga a licenza municipal.

4. Os titulares das licenzas deberán ter a disposición dos axentes da autoridade a licenza de ocupación da vía pública e o xustificante de aboamento da taxa correspondente, co fin de poder comprobar a correspondencia entre a superficie autorizada e a realmente ocupada.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS.

Primeira.- Habilítase á Alcaldía-Presidencia, ou órgano en quen delegue, para ditar as disposicións ou instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación da presente ordenanza.

Segunda.- Facúltase á Alcaldía-Presidencia para actualizar por resolución motivada as contías económicas das sancións reflexadas no artigo 42 desta Ordenanza, debendo este acto ser obxecto de publicidade oficial.

Terceira.- Nos aspectos non previstos no presente texto, será de aplicación a lexislación sectorial que corresponda, co seguimento dos procedementos administrativos instruídos pola administración competente.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS.

Primeira.- As terrazas que se atopen instaladas e autorizadas no momento da entrada en vigor da presente Ordenanza poderán manterse nas mesmas condicións, se teñen autorización concedida, sempre que axusten a súa ocupación aos criterios técnicos e estéticos da nova normativa.

No caso de non estar adaptados outorgase quince meses de prórroga dende a publicación para adaptarse a ordenanza.

Segunda.- As autorizacións para instalar novas terrazas ou para modificar as existentes nas condicións previstas nesta ordenanza, deberán solicitarse conforme ás prescricións realizadas nesta Ordenanza.

DISPOSICIÓNS DERROGATORIAS.

Primeira.- Queda derrogada a Ordenanza Municipal reguladora de terrazas vixente con anterioridade á aprobación da presente.

Segunda.- Quedan derrogadas cantas normas, ou disposicións de igual ou inferior rango sexan incompatibles ou se opoñan ao establecido nesta Ordenanza.

DISPOSICIÓN FINAL.

Esta Ordenanza entrará en vigor unha vez cumpridos os trámites de exposición pública e aprobación definitiva, de ser o caso, e sexa publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

ANEXO I

1.- Mobiliario.- Características do Mobiliario e estruturas auxiliares.

Os elementos de mobiliario das terrazas de hostalería contarán con materiais de calidade, tales como aluminio, vimbio, arpillería madeira, tea ou semellantes, ou elementos de PVC de calidade exentos de propaganda comercial.

Apróbase para cada un dos elementos da terraza a relación de materiais que se establece nos apartados seguintes, que permite que os interesados elixan entre eles, non podendo utilizar ningún outro que incumpra as condicións deste anexo, quedando expresamente prohibido o uso de mobiliario de plástico ou PVC fráxil de escasa calidade que sexa máis axeitado para uso nas praias ou xardíns.

A cor dos materiais de cada unha das terrazas terá que ser uniforme, de xeito que tódolos elementos do mobiliario dunha mesma terraza serán da mesma cor, podendo optar o instalador polos recomendados neste anexo.

2.- Materiais para os elementos de mobiliario (Cadeiras, Mesas e Separadores).

1) Modelos de cadeiras recomendados:

a) Cadeira de armazón con tubo de aluminio anonizado de 28×2 mm e ovalado de 38×17 mm. O asento e o respaldo constan de médula sintética tecida a man e reforzada con fío de aceiro. Apilable. Cores recomendadas: beige, verde, granate, ou madeira natural.
b) Cadeira con armazón de tubo de aluminio anonizado de 1,8 mm oval, con asento e respaldo de madeira natural ou médula sintética reforzada. Apilable. Cores autorizadas: beige, verde, granate, ou madeira natural.
c) Taburete alto de aluminio anonizado de 1,8 mm, con asento e respaldo de médula sintética tecida a man e reforzada con fio de aceiro.

Cores autorizadas: beige, verde, granate, ou madeira natural.

2) Modelos de mesas recomendados:

a) Mesa de armazón de aluminio anonizado apilable de tres pés, redonda, con 60×60 cm de diámetro e taboleiro de aceiro inoxidable adamascado repulsado.
b) Mesa de armazón de aluminio anonizado apilable de catro pés, cadrada, de 70×70 cm, con taboleiro de aceiro inoxidable adamascado repulsado.
c) Mesa alta de armazón de aluminio anonizado, con catro patas na columna central, e taboleiro de aceiro inoxidable adamascado repulsado de máximo 50×50 cm de diámetro.
d) Mesas de madeira.

3) Modelos de separadores recomendados.

No suposto de que expresamente se permita o uso de separadores dentro das condicións da autorización terán que instalarse os seguintes:

a) Separadores vexetais con maceteiros de materiais de boa calidade e suficente estabilidade.
b) Separadores de madeira ou vimbo, dunha única cor, elixida entre o verde, ou madeira natural, co pé de aluminio ou aceiro.

3.- Materiais para os elementos de sombras (Parasoles e Toldos).

1) Modelos de parasoles recomendados:

Parasol con montura de madeira e cuberta de tecido de tea verde ou crema claro con volante A altura máxima total do mástil será de 2,50 m.

A base deberá garantir a súa estabilidade.

A cuberta, no caso de ser redonda ou hexagonal, medirá como máximo 3,5 m de diámetro, e se é cadrada, será de 3×3 metros, permitíndose as dúas modalidades.

Non poderán estar anclados ao pavimento. Poderán ter o seu apoio sobre bases móbiles, sobre a fachada propiedade do solicitante.

2) Modelos de toldos recomendados:

Os toldos recomendase que sexan de material textil ignífugo.

Os toldos non poderán conter publicidade excepto o nome comercial do establecemento.

A utilización de toldo para o resgardo de escaparate, acceso a locais dos baixos ou do propio fronte do baixo, pola ocupación e volume que do seu teñen na posición extendida, soamente se admiten en rúas ou espazos cun ancho non menor de 9m. que sexan exclusivamente peatonais ou que teñan beirarrúa dun ancho non menor a 2,30m..

Os elemenots ríxidos de armación do toldo, que estean separados máis de 0,15m. do plano da fachada terán unha altura libre sobre a correspondente rasante, non menor de 2,30m mentres que os faldóns, festóns, flocos ou calquera dos elementos neles pendurados dos bordos poden estar nunha altura libre de 2,10 m.

A parte máis alta dun toldo non se achegará a menos de 0,10m. da parte máis baixa de voos, impostas, molduras o relevos da pranta primeira. Nos Edificios de só pranta baixa, a 0,15m. por debaixo da cornixa ou 0,25m baixo a cara inferior do beirado.

O saínte máximo non poderá rebasa-los 2,30m. sen que en ningures a protección horizontal de calquera punto do toldo se achegue a menos de 0,60m. do bordo da beirarrúa como tamén separándose un mínimo de 0,60m. dos postes do tendido eléctrico, das farolas, das arbores e da súa follaxe real ou previsible.

O sainte máximo sen embargo, poderá ser rebasado no caso dos toldos que forman porche perpendicular á fachada a xeito de baldaquino alongado, coa súa maior dimensión sainte, e un ancho non maior de 2,30m. propio para dar realce e protección, dende unha certa distancia, os accesos a edificacións de uso singular e especial relevancia.

Non se permite instalación de toldos dentro de soportais, porches, ou retranqueos porticados.

Toldos ríxidos non repregabres.

Axustaranse os parámetros das marquesiñas de curto voo o de grande voo segundo a altura a que se sitúan coa excepción dos toldos que forman porche perpendicular á fachada, que cumprirán coas condicións dadas para estes nos apartado precedente.

– Os toldos e parasoles serán dunha única cor, preferentemente o beige, ocre, granate, branco ou negro.

Serán admisibles as instalacións de elementos de sombra nas formas de enrollable á fachadaou instalación illada. Con carácter excepcional, cando así se solicite e atópese xustificado polos servizos técnicos, poderase autorizar a instalación de estruturas para soporte de toldos ou cubertas téxtiles, (instalación illada) atendendo ás circunstancias singulares que concorran en cada caso e fixando, así mesmo, os condicionantes que se estimen oportunos para a súa instalación (dimensións, materiais, sistemas de suxeición ou apoios, etc).

Salvo en terrazas con cerramento estable, estas estruturas deberán ser móbiles para poder ser recollidas fóra do horario autorizado para a terraza.

4. TARIMAS.

– Con carácter xeral só se autorizará a colocación de tarimas co fin de resolver cuestións, tales como a pendente existente no emprazamento da terraza, problemas de accesibilidade, etc.

En calquera caso as tarimas nunca poderán invadir a sección libre de vía que en cada caso sexa esixible segundo os criterios establecidos, e en todo caso 1,80 m. Deberá por tanto xustificarse na solicitude a necesidade da instalación.

– Os modelos e características das tarimas deberán ser aprobados e homologados polos servizos técnicos debendo en calquera caso estar realizados con materiais ignífugos, antiescorregadizos, non oxidantes, etc. – Deberán estar dotadas de elementos de protección perimetrais.

– Igualmente presentará seguro de responsabilidade civil no cal se inclúa este elemento.

5. SISTEMAS DE CLIMATIZACIÓN E CALEFACCIÓN. INSTALACIÓNS ELÉCTRICAS.

Nas terrazas poderán instalarse estufas ou quentadores, elementos de iluminación, etc., de baixo consumo e combustible de enerxía renovable e sen que supoñan emisión de ruídos.

Con carácter xeral non se admiten instalacións fixas, debendo retirarse conforme ao horario autorizado.

– En todo caso, calquera instalación destas características deberá ser expresamente sometida a autorización, debendo presentarse, ademais a documentación específica (características técnicas, planos específicos, certificados de homologación, xustificación normativa vixente, etc )

No suposto da renovación da autorización, a declaración a que se refire o art. 29.2 a, deberá ademais conter referencia ás adaptación destas instalacións á normativa vixente no momento da renovación.

-As instalacións executaranse por instalador autorizado. A revisión da instalación realizarase conforme á normativa de aplicación, podendo requirir o concello en calquera momento a documentación acreditativa.

– Todos os elementos deberán estar homologados conforme á Normativa Vixente que lle sexa de aplicación e en particular para o seu uso en exteriores.

– Do mesmo xeito que o resto dos elementos da terraza, deberán contar coa preceptiva homologación estética por parte dos servizos técnicos municipais.

– No caso en que se solicite autorización para a colocación de elementos de iluminación, estes non poderán, en ningún caso, orixinar cegamento ou outras molestias aos veciños, viandantes ou vehículos.

-Durante o réxime transitorio no que estará tolerada a instalación de estufas de gas, os modelos deberán adecuarse á marcado CE establecido na directiva 1990/396/CEE do 29 de Xuño, así como ás instrucións de instalación, mantemento e utilización do fabricante e da normativa referida ao seu mantemento e outros requisitos derivados do tipo de combustible.