
Pregón do Mercado de Primavera 2025
Texto íntegro do pregón ofrecido polo mestre xubilado valadourés Pepe Otero.
Sr. Alcalde, representantes municipais, amigos, señores e señoras:
Antonte, cumprindo a libre viaxe polas súas orbes celestes, o ecuador da terra e o sol, puxéronse no memo plano perpendicular para acordar, en “franca conversa”, que o día e a noite fosen iguais no equinocio de primavera, co que comenza dita estación, e que eiquí, en Ferreira, celebrase como mercado de Primavera, anteriormente do 25 de marzo.
E naquel encontro tamén acordaron que había que espertar da súa hibernación a tódolos seres vivos adormilados polo longo inverno neste hemisferio, nun tempo revolto de “Martius” deus da guerra e dos cultivos.
As plantas rebrotan con novos gromos e abren as primeiras frores para enganar os insectos -coma na IA- e os animáis, co sangue alterado, particularmente os paxaros, merlos, pegas, rulas, paporrubios, gorrións, xílgaros…., emparéxanse novamente e inician o ciclo reproductivo o son de trinos armoniosos, que compoñen e interpretan á vez, nun ambiente que se rechea de fertilidade, esplendor e de expansión vital.
Repetición periódica anual que pode asemellarse, no devir histórico, ó optimismo e fertiliade creativa que caracterizou ó Renacemento cando, despois dun tempo escurecido polas tebras, comenza a iluminarse a Época Moderna e a Ilustración, coa luz do humanismo e da natureza, con brillantes manifestacións artísticas como, precisamente, “A primavera” de Botticelli.
Pero tamén foi a época de importantes cambios sociais e económicos que van a ir incrementando a produción agrícola, gandeira e artesanal como foi, a partires do último medievo no caso do fértil val do Valadouro, que levará emparexada a potenciación da venta e compra de variados productos nos numerosos mercados que, en principio de maneira expontáne, e máis tarde, organizados, proliferaron por toda a comarca norteña.
E tendo todos eles elementos favorecedores, no caso de Ferreira, hai unha conxunción que dan pulo á amplitude mercantil e ó propio pobo, que se poderían concretar na síntese da actividade productiva e un novo marco relixioso escenificado na construcción da ermida da Nosa Señora na praza na que agora estamos, no século XVI, con dependencia da fregresía de San Xoán de Laxe, cun hospital vinculado á capela, para atención de “comerciantes, mercaderes ou peregrinos” que, xa dende antes, facían a ruta de Viveiro a Mondoñedo ou a Santiago.
E a todo esto habería que engadir un aspecto que relaciona o esplendor do Renacemento e o renacer da Primavera, coa advocación que os eruditos e pragmáticos teólogos cristianos, lle deron a esa capela como da Anunciación, que o arcanxo Gabriel comunica á Virxe, como anunciando un tempo novo de conexión con divinidade e de salvación, que será nai do fillo de Deus, feito que ocurrirá nove meses despois, na Natividade en Decembro.
Con variadas e múltiples circunstancias, así van medrando os mercados dos sábados e otros anuais nos séculos XVIII e XIX, que tamén favoreceron a concesión por parte da rexente Mª Cristina do título de “vila” a Ferreira no 1894, “polo desenrolo da industria, do comercio e do aumento de poboación” co incremento de “fábricas, talleres, carpinterías, fondas e pousadas” e os numerosos puntos de venda nas reunións semanais, dende queixos, manteiga, pitos, galiñas, ovos, froitas e verduras, lenzos ou olerías, como tamén no Parque, pescado, doces, bimbes, cereáis ou patacas, e máis tarde, o gando na Feira Nova.
Pero o tempo vai cubrindo todo, como as follas do outono cubren o chan, e tapan os vellos camiños. Todo transcurre e todo cambia -que xa decía Heráclito “o oscuro”- e toda esa puxante actividade foi esmorecendo para deixar paso a novas transformacións socio-económicas, quedando só débiles pegadas dun brilante pasado.
Con todo, nese inexorable transurrir, unhos grandes penedos érguense no medio da riada que non poderá arrastrar, que se formaron coa base da sensación e a identidade.
A primeira é a persistencia da experiencia sensorial, da que, de momento, non se pode prescindir. O valor da estética, como sensación – “a aisthesis”- para ver, oler, probar ou tocar -cando sexa posible- aquel producto que, dende a primavera da vida, conservase na memoria, o que non sucede no comercio a distancia.
E co acompañamento, coma neste caso, da música e do ritmo que, tamén dende a emerxencia dos grandes cerebros humanos provoca a sensación de pracer – dopaminérxica- que parece reencontrarse coa armonía do universo kepleriano, e que unirá definitivamente música e festa.
E a outra, a máis forte, tal vez, porque representa a concreción dun sentimento de pertenza, de vinculación e de identificación ou identidade -de “idios” como esencia común- que vincula ó individuo particular con algo máis xeral, con unha agrupación anterior, dende a horda primitiva á tribu, o clan, a familia, o gremio ou a colectividade que sexa -pois o rudo ou vulgar era “idiotes” en grego – en coherencia co profundo sentimento de comunidade, que como “animal político”, non pode vivir illado, a non ser unha bestia ou un deus. O eu e as circunstancias, donde cada quen vinculase cos “seus” ou “os nosos” de sempre, incluso, como eiquí, coa súa propia vestimenta.
Somos, pois, herdeiros dos que, fai anos, labraban a terra, sementaban centeo, trigo, maíz e nabos. Botaban as patacas e as coles. Dos que mantiñan ou pastaban vacas, cabalos e burros, para a producción e axuda no traballo. Dos que plantaban árboles e amansaban a roza. Herdeiros de quenes fiaban, tecían, e facían mantas e colchóns con lá das ovellas ou a crina das bestas. Dos que traballaban nas industrias da medeira, do ferro ou do barro. De quenes se adicaron ó servizo público, e o comercio ou dos que coa pequena maleta colleron o barco ou o tren hacia o descoñecido. Dos que emigraron e nunca olvidaron. Herdeiros dos que fai séculos festexaban os santos patróns, coma nesta praza do redor. E somos herdeiros de quenes, na noite dos tempos, construiron o dolmen de Vilacampa, as arcas de Sinás ou o dolmen de Padormo, a croa de Budián, ou as chantas de Santomé, que tamén entonaban cánticos, danzaban, comían xuntos e levantaban a vista hacia as estrelas. E somos, pois, ese cacho de corda que une o pasado co futuro, que é a corda irrompible da identidade.
Por tanto, e en conclusión, citando a Jaspers, “eu somentes podo pertenecer a un único pobo; podo ter somentes este pais e non outros; pode ter unha historia e non outra; pero poido, en todo caso, facer traición” E eiquí, co entorno dun horizonte montañoso, aséntase este val do Valadouro, o lugar do meu nacemento, a primeira nación, e a terra de meus pais, primeira patria, a que non podo facer traición sin deixar de ser.
E si Cunqueiro auguraba para o galego, mil primaveras máis, nos aventuramos mil cincuenta para esta festa, por ser a altura do Cadramón, do monte mítico dos catro montes, que cando a neboa cubre o seus cumios é o Olimpo donde se ocultan as loitas dos deuses.
E unha das cousas importantes que lle poden ocorrir a calquera é estar agora nesta praza, no Valadouro, que contén o tesouro de ser unha parte insustituible da beleza do mundo.



????Xa está aquí recén saído do forno o cartel do XIX MERCADO DE PRIMAVERA do Valadouro.
????22 de marzo de 2025.
⌚Durante todo o día.
Apertura dos postos do mercado desde as 10:00h. e ata as 19:00h.
????Pasacalles con Acm Dambara Burela Burela ; A.C. Amado Lar O Valadouro; Charanga Noroeste ; Caliqueños Charanga ; Los Támega, charanga ; Festicultores Troupe – Cultivadores de Festas
????Concertos na Praza de Santa María: Abóbriga – Música Galega e á noitiña Nimbos Música.
????Actividades familiares, de tarde, na praza: Títeres con Mircromina Teatro; Maxía con Mago David Méndez ; Teatro Familiar Inventi.
????Actividades familiares de tarde no aparcadoiro municipal a carón da piscina: Xotramu Xogos Tradicionais Muimenta ; paseo en poni.
Ruta de tapeo polos locais hostaleiros, demostración de oficios tradicionais; fotoenxebre; desfile de zocas e vestimenta, concurso de carros decorados, e… moito máis.
Colabora, comparte e ven disfrutar do XIX Mercado de Primavera – O Valadouro,
En breves, información máis detallada con horarios e lugares…
#Mercadodeprimavera2025 #Mercado2025OValadouro #Primavera2025OValadouro

Bases de participación cun posto no XIX Mercado de Primavera do Valadouro
A XIX edición do Mercado de Primavera do Valadouro ten por obxecto a recuperación dos mercado ancestrais do Valadouro e dar a coñecer aqueles postos e materiais que antano viñan ao mercado. Ao mesmo tempo sirve para revitalizar a economía local.
DATA E LUGAR E DE CELEBRACIÓN.
O Mercado Tradicional Anual de Primavera celebrarase o día 22 de marzo desde as 10:00 horas e ata as 19:00 horas. (mínimo) en Aparcadoiro Parque Concepción Arenal, Andrés López Palmeiro, Praza de santa María(cantóns), Severino Cociña e Avenida de Viveiro.
Poderase acceder ó recinto feiral con vehículos desde as 8:00h. e ata as 10:00h. e entre as 19:00h. e as 21:00h. e despois das 02:00h. do día 23 de marzo. Fora deste horario, solo poderán acceder ó recinto feiral os vehículos autorizados(animacións, etc…), organización e prioritarios de emerxencia.
Debe de facilitarse a matrícula, marca e modelo do vehículo co que se vai acceder ao recinto feiral. Na entrada do recinto prevese que estará unha persoa para informar onde lle corresponde o posto.
A entrada ao recinto será sempre desde a Avenida de Mondoñedo e en sentido ascendente pola Praza e ata a Ponte e os vehículos solo permanecerán diante de cada posto no intre da descarga/carga. Unha vez finalizada esta, deberán de abandonar o recinto.
EXPOSITORES E PRODUTOS ADMITIDOS.
Como a actividade principal é a demostración e a exhibición de produtos e de traballos de antano na vila de Ferreira. Neste senso admítense postos de produtos agroalimentarios de tempada (panadarías, carnizarías, horta de tempada,…) artesáns (carta de artesán), demostracións de oficios tradicionais, …. e terán preferencia sobre o resto, as demostracións de oficios tradicionais, os postos que conten con tenda física nos concellos de Alfoz/Valadouro e tamén terán cabida no mercado de Primavera, aqueles postos de artesanía con produtos feitos á man, antigüidades e outros.
Os postos serán facilitados polo Concello do Valadouro comprometéndose cada un dos usufrutuarios a mantelo nas mesmas condicións nas que se atopen ó inicio da actividade. Unha vez que remate o evento, cada expositor deberá de recoller todos os produtos que expuxo e deixar o posto debidamente recollido.
Tamén cabe a posibilidade que cada expositor aporte o seu posto polo que debe de comunicalo ó concello facilitando as medidas da cada posto e cumprir cos requisitos de homoxeneización do mercado aceptando en todo intre a colocación de cada posto onde a organización o estime oportuno. Os postos propios aínda que con estrutura de ferro e lona plástica deberán de cubrirse con tela tipo saco e cubrir a estructura con tela, madeira ou calquera outra elemento que homexenice cos postos do concello do Valadouro.
Unha vez iniciado o Mercado non se permite o acceso con vehículos ata o seu remate agás autorizacións especiais, vehículos prioritarios ou de organización. Unha vez comprobado que se incumpre e que se accede ao recinto ou que se abandona o posto antes das 19:00h. sen causa xustificada, o posto podería ser penalizado impedindo a súa inscrición en vindeiras edicións.
ADMISIÓN DE SOLICITUDES E ADXUDICACIÓN DE POSTOS.
As solicitudes de admisión no Mercado de Primavera 2025 do Valadouro realizaranse a través da sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” do Concello do Valadouro. O prazo de admisión de solicitudes rematará no intre no que se cubran os postos dispoñibles ou no seu defecto o xoves, 13 de marzo ás 20:00h. De quedar vacantes de última hora, admitiríanse postos ata que estes se cubran.
Establecéndose as seguintes prioridades:
- 1º: Demostracións de oficios tradicionais
- 2º: Postos con tenda física en Valadouro
- 3º: Produtos agroalimentarios de tempada.
- 4º: Conservas de todo tipo.
- 5º: Artesanía (con carta de artesán).
- 6º: Agrupacións/asociacións sen ánimo de lucro coa fin de recadar fondos por causa xustificada. (Excepción).
- 7º: Resto de inscritos.
E dentro de cada posibilidade, as seguintes prioridades(por orde de rexistro)usaranse para admitir os distintos postos que podan acudir á xornada:
-Procedencia(por orde): O Valadouro, A Mariña e resto.
-Antigüidade na feira: Que o posto acudira en máis ocasións ó Mercado de Primavera.
-Buscarase a heteroxeneidade do evento; variedade na exposición á venta/obradoiros.
Se chegado o día aínda quedaran postos vacantes, estes poderíanse ocupar ata cubrir o cupo establecido.
Cada solicitante deberá de estar presente no posto sen cedelo a terceiros sen autorización previa e non se poderá reproducir fontes de música nin megafonía, agás os autorizados pola organización.
NORMAS PARA A VENTA DE PRODUTOS AGROALIMENTARIOS
Nos postos do Mercado indicarase a denominación e orixe do produto en lugar visible. Todo tipo de produtos exhibidos no Mercado teñen que cumprir coa lexislación vixente alimentaria en materia hixiénico-sanitaria.
Entre outros puntos a ter en conta, o posto deberá de contar:
-Identificación do posto
-Follas de reclamación a disposición dos clientes e enderezo de recepción das mesmas.
-Listaxe de mercadorías e prezos á venda.
DISTRIBUCIÓN DOS DISTINTOS POSTOS POLO MERCADO
A organización distribuirá os distintos postos polas rúas polas que transcorre o mercado atendendo a criterios de organización e comercialización.
Cada solicitude estará asociada a cada posto e cada posto asociado a un número de identificación fiscal.
Non se permitirá o intercambio de postos agás previa solicitude á organización e autorización desta.
Non se distribuirán os postos atendendo as demandas de maior posibilidade de venda (exixida por algunha solicitude) debido a que zona de venda é todo o espazo destinado a mercado e estarán todos os postos en igualdade de condicións e coas mesmas posibilidades de mercado.
O feito de acudir ó evento en edicións anteriores non implica posesión do mesmo espazo de outras ocasións, podendo a organización redistribuílos e colocalos segundo necesidades de espazo.
CARACTERIZACIÓN
Recoméndase que tanto os distintos postos (propios ou facilitados polo concello) como as persoas encargadas dos mesmos estean caracterizados como se se tratase dun mercado dos anos 40 ou 50.
Os homes acudiran ao evento con pantalón de pana, camisa de cadros e chaleque ou camisa lisa e as mulleres farano con saia media longa, escura e blusa con toquilla
SEGUROS E RESPONSABILIDADES
O Concello de Valadouro posúe un seguro de responsabilidade civil que non cubre roubo ou furtos, riscos que deberán asumir os produtores podendo contratar coa compañía aseguradora que eles elixan.
A organización tampouco se fai responsable da situación laboral do persoal dos stands, así como dos accidentes causados por algún dos elementos expostos, nin de calquera dano producido a bens ou cousas derivados da actividade mercantil, pero recoméndase que se lle facilite á organización (segundo o caso):
– copia do último recibo do seguro de Responsabilidade Civil,
-recibo de autónomos ou similar(nómina),
– xustificante IAE,
– carné manipulador alimentos
– carta de artesáns.
Asimesmo, prégase que autorice a que o concello do Valadouro poda consultar de que está ao corrente coas obrigas fronte a Axencia Estatal Tributaria, Axencia Tributaria Galega, tesouraría de Seguridade Social e ó propio concello do Valadouro.
CUESTIÓNS XURÍDICAS
Para calquera cuestión legal entre a Organización e os expositores da Mercado, sométense ambos á xurisdición de Xulgados e Tribunais competentes do Partido Xudicial de Mondoñedo ao que pertence ao Concello de Valadouro.
FORZA MAIOR E CONTINXENCIAS NON PREVISTAS
En caso de forza maior a Organización pode suspender ou aprazar a celebración do Mercado declinando toda responsabilidade por ese motivo.
No caso de situacións ou continxencias non previstas nestas Bases, as mesmas serán resoltas pola Organización segundo sexa preciso.
O feito de que a solicitude de ocupación de espazo público sen aporte de ningún de taxa non implica que non se teñan cumprir normas básicas de convivencia e así como estas bases. Os responsables de cada posto acatarán toda canta decisión se lle transmita desde a propia organización e/ou membros de seguridade e sempre baixo unhas condicións de respecto mutuo entre ambas partes. Non facer caso das ordes recomendadas podería ser motivo de expulsión do mercado.
