Desde o 6 de setembro estará dispoñible un tramite especifico na sede electrónica municipal, as solicitudes que entren por rexistro antes do inicio do prazo considerásense presentadas fóra de prazo.

BASES PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA DE CONCILIACIÓN APERTURA DO CEIP FORA DO HORARIO LECTIVO

1.- ÁMBITO DE APLICACIÓN

Estas actividades de conciliación están orientadas aos alumnos e alumnas do CEIP Santa María do Valadouro para o curso escolar 2021/2022.

2.- SUBPROGRAMAS

Os horarios dos subprogramas están condicionados polo horario e funcionamento do centro escolar, podendo verse alterados ao longo do curso.

Asimesmo, o funcionamento deste programa estará condicionado pola evolución da pandemia ocasionada pola COVID-19 e a normativa vixente en cada momento.

2.1.- MADRUGADORES

Este subprograma desenvólvese en horario de 08:15 a 09:20 dende o 13 de setembro de 2021 ata o remate do curso escolar e está orientado aos alumnos e alumnas que precisen asistir ao centro escolar antes do inicio do horario lectivo debido á incompatibilidade do horario laboral dos seus proxenitores ou titores legais co inicio da xornada lectiva.

Haberá 2 horarios de entrada: ás 08:15 e as 08:45. A entrega de alumnos deberá facerse sempre con puntualidade, non admitíndose alumnos que cheguen ao centro escolar fora do horario establecido. De non facelo así poderán perder a praza no subprograma.

Total de prazas dispoñibles: 20

Excepcionalmente poderanse conceder prazas por quendas para alumnos cuxos proxenitores ou titores legais teñan unha xornada laboral a quendas e sempre condicionado á existencia de prazas. Será imprescindible aportar un calendario de quendas para a duración de todo o curso.

No caso de prazas concedidas por quendas, non se poderán modificar os días e horario de asistencia concedido sen autorización expresa da Alcaldía, de acordo co indicado na Base nº 10.

2.2.- A TARDE MÁIS DIVER

Este subprograma desenvólvese en horario de 16:00 a 19:00dende o 13 de setembro de 2021 ata o remate do curso escolar e está orientado aos alumnos e alumnas que precisen asistir a actividades extraescolares ao remate do horario lectivo debido á incompatibilidade do horario laboral dos seus proxenitores ou titores legais co remate da xornada lectiva.

As actividades realizaranse a continuación da xornada lectiva nos seguintes horarios:

  • De 16:00 a 17:00
  • De 16:00 a 18:00
  • De 16:00 a 19:00

As recollidas dos alumnos deberán realizarse obrigatoriamente con puntualidade á hora de saída que teña estipulada cada alumno. De non facelo así poderán perder a praza no subprograma.

Total de prazas dispoñibles: 20 segundo a distribución que se indica

  • Ata as 17:00 poderán asistir un total de 20 alumnos
  • De 17:00 a 19:00 poderán asistir un total de 10 alumnos

Durante os meses de setembro e xuño o subprograma desenvolverase dende as 15:30 ata as 18:30.

Excepcionalmente poderanse conceder prazas por quendas para alumnos cuxos proxenitores ou titores legais teñan unha xornada laboral a quendas e sempre condicionado á existencia de prazas. Será imprescindible aportar un calendario de quendas para a duración de todo o curso.

No caso de prazas concedidas por quendas, non se poderán modificar os días e horario de asistencia concedido sen autorización expresa da Alcaldía, de acordo co indicado na Base nº 10.

3.- REQUISITOS DAS PERSOAS SOLICITANTES

As solicitudes serán cursadas polos proxenitores ou titores legais dos alumnos que asistirán ás actividades de conciliación e deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • MADRUGADORES:
  • Os proxenitores, titores legais ou persoas convivintes maiores de idade deberán de estar traballando, sendo o inicio da xornada lectiva incompatible co inicio da xornada laboral.
  • Os proxenitores ou titores legais deberán acreditar que na unidade familiar non existe ningunha outra persoa maior de idade que poda levar aos alumnos e alumnas ao centro escolar ao inicio da xornada lectiva.
  • A TARDE MÁIS DIVER:
  • Os proxenitores, titores legais ou persoas convivintes maiores de idade deberán de estar traballando, sendo o remate da xornada lectiva incompatible co remate da xornada laboral.
  • Os proxenitores ou titores legais deberán acreditar que na unidade familiar non existe ningunha outra persoa maior de idade que poda recoller aos alumnos e alumnas do centro escolar ao remate da xornada lectiva, prestándolle as atencións necesarias ata o remate da súa xornada laboral.

4.- SOLICITUDES.

Todas as persoas solicitante, ao momento de presentar a súa solicitude estarán aceptando as presentes bases.

Tomarase como data de solicitude aquela na que se presente toda a documentación esixida nas presentes bases, exceptuando o Informe de Vida Laboral que poderá ser presentado no prazo de 10 días naturais dende a data de presentación do Anexo I.

As solicitudes serán cursadas polo proxenitores ou titores legais dos alumnos e alumnas do CEIP Santa María do Valadouro no modelo facilitado polo Concello de O Valadouro (ANEXO I) dende o 6  de setembro de 2021 ata o 9 de setembro de 2021 as 14:00 horas, non admitíndose aquelas realizadas fora do citado prazo.

As solicitudes realizaranse nas Oficinas Municipais, solicitando cita previa no teléfono 982574000.

Tamén poderán presentar as solicitudes na Sede Electrónica do Concello de O Valadouro a través do trámite “Solicitude Madrugadores/OES” ou en calquera dos lugares indicados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

5.- DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA.

As solicitudes deberán ir acompañadas obrigatoriamente da seguinte documentación:

  • Copia do DNI.
  • Copia do libro de familia.
  • Declaración xurada (ANEXO III) onde garantan que durante os 14 días previos ó inicio da actividade o menor non sufriu tose, febre, cansanzo ou falta de aire e que non estivo en contacto con ninguén que sufrirá esta sintomatoloxía e que se compromete a comunicar calquera síntoma ou contacto directo con persoas que teñan síntomas compatibles coa COVID-19..
  • Declaración xurada (ANEXO IV) na que se indique a empresa na que se presta os servizos, dirección do posto de traballo e o horario da xornada laboral e se autorice ao Concello a requirir a documentación acreditativa ou a recabala polos seus propios medios.
  • Copia do informe de Vida Laboral actualizado. No caso de dificultade para obtelo antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, deberá ser aportado obrigatoriamente  no prazo de 10 días naturais dende a data de presentación de solicitudes. DE NON PRESENTARLO NO PRAZO INDICADO, PERDERÁ O DEREITO Á PRAZA DENTRO DO PROGRAMA.
  • Certificado de convivencia. (No caso de persoas empadroadas no Concello de O Valadouro, a consulta realizarase de oficio).
  • No caso de que na unidade familiar convivan máis persoas maiores de idade, a parte dos proxenitores ou titores legais, deberase acreditar que esas persoas non poden levar ou recoller do centro escolar aos alumnos aportando a seguinte documentación:
    • Declaración xurada (ANEXOII)
    • Anexo IV asinado polas persoas convivintes.
  • No caso de solicitude por quendas: Calendario de quendas para todo o curso escolar dos días e horarios solicitados.

6.- INSTRUCCIÓN E TRAMITACIÓN

A instrución do procedemento corresponderá ao Alcalde.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e revisadas todas as presentadas, elaboraranse 3 listas:

  1. Solicitudes admitidas: Alumnos que obteñen praza no programa Apertura do CEIP fora do horario lectivo. Nesta lista indicarase o día de comezo das actividades e o lugar de realización.
  • Solicitudes admitidas: Alumnos que pasan a formar a listaxe de reserva do programa Apertura do CEIP fora do horario lectivo.
  • Solicitudes desestimadas por non acreditar o cumprimento dos requisitos da convocatoria.

As citadas lista serán publicadas no taboleiro de anuncios, na páxina web e na sede electrónica do Concello de O Valadouro.

7.- CRITERIOS DE SELECCIÓN DO ALUMNADO

Poderán obter unha praza no programa Apertura do CEIP fora do horario lectivo aqueles alumnos cuxos proxenitores ou titores legais presentaran unha solicitude dentro do prazo establecido e que cumpran os requisitos da convocatoria.

Para a selección dos alumnos seguirase a orde de preferencia que se indica a continuación:

  • MADRUGADORES:
  1. Unidades familiares empadroadas no Concello de O Valadouro.
  2. Unidades familiares nas que o menor está empadroado no Concello de O Valadouro con un dos proxenitores ou titores legais.
  3. Alumnos para os que se solicite o inicio dende as 08:15 horas xustificadamente.
  4. Alumnos para os que se solicite o inicio dende as 08:45 horas xustificadamente.
  5. Orde de rexistro de entrada da solicitude
  • A TARDE MÁIS DIVER:
  1. Unidades familiares empadroadas no Concello de O Valadouro.
  2. Unidades familiares nas que o menor está empadroado no Concello de O Valadouro con un dos proxenitores ou titores legais.
  3. Alumnos para os que se solicite horario de 16:00 a 19:00 horas xustificadamente.
  4. Alumnos para os que se solicite horario de 16:00 a 18:00 horas xustificadamente.
  5. Orde de rexistro de entrada da solicitude.

8.- NORMAS DE FUNCIONAMENTO

Dará lugar á perda da praza dentro deste programa calquera falseamento ou ocultación de información na documentación presentada para a solicitude, sen prexuízo das responsabilidades que poidan derivarse.

Igualmente, dará lugar á perda da praza dentro deste programa a falta de aportación da vida laboral no prazo de 10 días naturais dende a presentación da solicitude.

Formarán parte do programa aquelas solicitudes que cumpran os requisitos da convocatoria, figurando os alumnos nas listas de solicitudes admitidas.

Unha vez iniciado o programa e, sempre e cando queden prazas libres, poderán inscribirse máis interesados ata cubrir todas as prazas.

Se unha persoa inscribe un participante e están todas as prazas cubertas, ou se fai fóra de prazo, dita solicitude pasará á lista de reserva.

No caso de que un proxenitor ou titor legar desexe dar de baixa ao alumno no programa, deberá comunicalo por escrito e presentando a súa solicitude nas Oficinas Municipais, solicitando cita previa no teléfono 982574000, na Sede Electrónica do Concello de O Valadouro a través do trámite “Instancia Xeral” ou en calquera dos lugares indicados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Os participantes estarán sempre acompañados do persoal cualificado da empresa encargada de xestionar o programa. Dado que se trata dunha actividade dedicada aos alumnos e alumnas do CEIP Santa María do Valadouro, non se permitirá o acceso ás instalacións onde se realice o programa, de ninguén máis que a dos alumnos participantes, os monitores e os traballadores do centro escolar.

Os lugares nos que se desenvolverá este programa serán indicados na resolución de concesión das prazas.

Os inscritos distribuiranse en grupos segundo as súas idades co fin de homoxeneizar o grupo de actividade do que forman parte.

O ratio por monitor establécese en 10 participantes e o programa cumpre todas as exixencias establecidas pola normativa de campamentos para COVID-19.

 Xunto coa instancia de solicitude, os responsables dos participantes  deberán asinar una declaración xurada onde garanticen que durante os 14 días previos ó inicio da actividade o menor non sufríu tos, febre, cansanzo ou falta de aire e que non estivo en contacto con ninguén que sufrirá esta sintomatoloxía e que se compromete a comunicar calquera síntoma ou contacto directo con persoas que teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

Durante a realización das actividades, manterase a distancia de seguridade entre participantes e no caso dos maiores  de 6 anos será de uso obrigado de máscaras e todos os participantes terán a libre disposición de xel sanitizante.

9.- FALTAS DE ASISTENCIA E PUNTUALIDADE

Os alumnos deberán acudir aos subprogramas nos que sexan admitidos respectando en todo momento os horarios de entrada e saída.

No caso de ter 3 faltas de asistencia ou puntualidade inxustificadas, os proxenitores ou titores do alumno ou alumna perderán do dereito á praza dentro do subprograma no que participen.

Por motivos de seguridade e saúde, se as faltas de asistencia están xustificadas por motivo de síntomas compatibles coa COVID-19 do alumno ou alumna ou contacto directo do alumno ou alumna con persoas con síntomas compatibles coa COVID-19 deberán comunicalo ao centro escolar, ao Concello de O Valadouro e ás autoridades sanitarias.

10.- MODIFICACIÓN DO HORARIO DOS SUBPROGRAMAS

O horario de asistencia dos alumnos aos subprogramas so poderá ser modificado por causa debidamente xustificada e previa solicitude por parte do pai, nai ou titor legal.

Será imprescindible que se vexa alterado o horario laboral dos convivintes do alumno facendo necesario o cambio solicitado.

A autorización do cambio de horario estará condicionada á existencia de prazas e á xustificación da necesidade do cambio de horario.

Non se poderán iniciar as asistencias en horarios diferentes aos concedidos inicialmente ata que non sexa expresamente autorizado pola Alcaldía.

11.- PUBLICIDADE

As presentes bases serán publicadas na sede electrónica e na páxina web do Concello de O Valadouro, así como as listas de solicitudes admitidas e desestimadas e calquera outra comunicación colectiva.

12.- MODIFICACIÓNS, SUSPENSIÓN OU CANCELACIÓN DO PROGRAMA

O correcto desenrolo deste programa está condicionado á actual situación sanitaria, podendo sufrir modificacións, suspensión de servizos ou a total cancelación do programa segundo sexa necesario para garantir a seguridade e saúde dos alumnos e alumnas participantes, así como do resto de alumnado do centro escolar, monitores, traballadores e as súas familias.

Calquera modificación, suspensión ou cancelación do programa será comunicado ás familias participantes.