O grupo de teatro Ollomao de Barreiros, de xira polos escenarios galegos e asturianos, recala no Valadouro o vindeiro sábado, 20 de abril, a eso das 20:30horas con entrada de balde. Cunha peza orientada para público de maior de 12 anos.

“O traballo de Andrea” é unha obra sobre o papel que xoga a xente nova na preservación da Memoria Histórica da Guerra Civil e a Postguerra. Andrea é unha moza que está preparando a súa tese de doutoramento. Para iso decidiu facer un traballo de investigación sobre o destino que correron os exiliados da súa vila ao final da Guerra Civil. A súa intención é reunir as súas vivencias e propor ás autoridades que lles fagan algún tipo de homenaxe. “O traballo de Andrea” é un drama. O drama no que se ve metida unha rapaza que o único que busca e descubrir a verdade. O drama dunha vida que está empezando e que se ve envolta nun mundo de segredos que ninguén quere, aparentemente, desvelar. E ao mesmo tempo, o drama do seu mundo persoal no que tamén hai segredos difíciles de asumir.