
XXXVII Feira do Mel – O Valadouro
12 outubro 2024
Inscrición de solicitudes de postos de mel, derivados, produtos de outono, artesanía, …
Consulta as bases:
Descarga a instancia e preséntaa polos cauces habituais da administración pública a través da sede electrónica do concello do Valadouro ou presencialmente nas oficinas municipais ou na Casa da Cultura en horario de luns a venres laborables de 9:00h. a 13:00h. ata o 8 de outubro de 2024.
Instancia:
Máis información:
982571516
cultura@valadouro.gal
BASES PARTICIPACIÓN FEIRA DO MEL CON POSTOS
A XXXVII edición da Feira do Mel ten por obxecto a presentación de todo aquilo que se refira a actividades relacionadas coa Apicultura e a agroalimentación en todas as súas vertentes pero, en especial, dedicado aos produtos de tempada.
DATA E LUGAR E DE CELEBRACIÓN.
A feira do Mel celebrarase o día 12 de outubro desde as 10:00 horas e ata as 19:00horas. na Praza de Santa María e rúa Andrés López Palmeiro.
EXPOSITORES E PRODUTOS ADMITIDOS.
Como a actividade principal é a Feira do Mel, os produtos que se poden ofertar serán todos aqueles relacionados co mundo das abellas, derivados, produtos de temporada, conserva…
Os postos que expoñan mel, produtos de outono e de comercios locais serán facilitados polo Concello do Valadouro comprometéndose cada un dos usufrutuarios a mantelo nas mesmas condicións nas que se atopen ó inicio da actividade. Unha vez que remate o evento, cada expositor deberá de recoller todos os produtos que expuxo e deixar o posto debidamente recollido.
O resto de postos que se admitan deberán de aportar o seu posto indicando na instancia de solicitude as medidas e características do posto e do produto a expoñer.
Unha vez iniciada a Feira non se permite o acceso con vehículos ata o seu remate agás os autorizados expresamente.
Co fin de potenciar e dinamizar a feira, cada expositor deberá de ceder á organización un produto dos que expoña á venta para a realización dun sorteo entre os visitantes da feira.
ADMISIÓN DE SOLICITUDES E ADXUDICACIÓN DE POSTOS.
As solicitudes de admisión na Feira do Mel do Valadouro realizaranse a través da sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” do Concello do Valadouro. O prazo de admisión de solicitudes rematará no intre no que se cubran os postos dispoñibles ou no seu defecto o martes, 8 de outubro ás 23:59h.
As seguintes prioridades(por orde de rexistro) usaranse para admitir os distintos postos que podan acudir á xornada:
-Procedencia(por orde): O Valadouro, A Mariña e resto.
- 1º: Mel.
- 2º: Derivados de mel.
- 3º: Produtos agroalimentarios de tempada.
- 4º: Postos de locais comerciais locais.
- 5º: Conservas de todo tipo.
- 6º: Artesanía (con carta de artesán).
- 7º: Resto de inscritos.
-Antigüidade na feira: Que o posto acudira en máis ocasións á feira do mel.
- 1º: Mel.
- 2º: Derivados de mel.
- 3º: Produtos agroalimentarios de tempada.
- 4º: Postos de locais comerciais locais.
- 5º: Conservas de todo tipo.
- 6º: Artesanía (con carta de artesán).
- 7º: Resto de inscritos.
NORMAS PARA A VENTA DE PRODUTOS AGROALIMENTARIOS
Nos postos da Feira indicarase a denominación e orixe do produto en lugar visible. Tanto o mel como o resto de produtos exhibidos teñen que cumprir coa lexislación vixente alimentaria en materia hixiénico-sanitaria.
SEGUROS E RESPONSABILIDADES
O Concello de Valadouro posúe un seguro de responsabilidade civil que non cubre roubo ou furtos, riscos que deberán asumir os produtores e expositores podendo contratar coa compañía aseguradora que eles elixan.
A organización tampouco se fai responsable da situación laboral do persoal dos stands, así como dos accidentes causados por algún dos elementos expostos, nin de calquera dano producido a bens ou cousas derivados da actividade mercantil.
DOCUMENTACIÓN A ACHEGAR COA SOLICITUDE
Documentación a achegar, na medida do posible, xunto coa solicitude asinada:
– xerocopia do dni/cif.
Recoméndase xuntar e a seguinte documentación:
– xustificante de pago do último recibo de autónomos.
– xustificante de IAE.
– carné de manipulador de alimentos (produtos alimenticios)..
– recibo vixente de seguro de responsabilidade civil.
– carta de artesán para os postos que así o exixan.
CUESTIÓNS XURÍDICAS
Para calquera cuestión legal entre a Organización e os expositores da Feira, sométense ambos á xurisdición de Xulgados e Tribunais competentes do Partido Xudicial de Mondoñedo ao que pertence ao Concello de Valadouro.
FORZA MAIOR E CONTINXENCIAS NON PREVISTAS
En caso de forza maior a Organización pode suspender ou aprazar a celebración da Feira declinando toda responsabilidade por ese motivo.
No caso de situacións ou continxencias non previstas nestas Bases, as mesmas serán resoltas pola Organización segundo sexa preciso.
.