Todos os anos por estas datas, este Concello adoita lembrar á veciñanza as normas de mantemento das condicións de seguranza para a queima das fogueiras, lumieiras ou cacharelas de San Xoán, que terán lugar a noite do 23 do mes de xuño.

Nesta ocasión, queda prohibida a realización de fogueiras en espazos públicos. Poderán realizarse en espazos privados, debendo respectarse en todo caso as medidas de seguridade e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias.

Cada fogueira terá un ou varios responsables que deben presentar a solicitude previamente na Casa da Cultura,  pola sede electrónica (co formulario que atoparan na mesma ) ou por calquera dos medios indicados na Lei 39/2015. O prazo máximo para comunicar as fogueiras de San Xoán remata o 22 de xuño ás 14 horas.

  • O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho, cunha altura máxima de 2 metros.
  • Non se poderán facer fogueiras en lugares próximos a tendidos eléctricos, inmobles, depósitos que puidesen conter material inflamable, masas arbóreas ou calquera outro no que poidan crearse situacións de perigo.
  • Non se queimaran aceites, líquidos inflamables, envases con gases, nin outros recipientes ou obxectos que poidan conducir á explosión do seu contido e/ou materiais.
  • Prohíbese queimar rodas ou cubertas de goma, plásticos ou calquera material derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes ou tóxicos.
  • Non poderán realizar as fogueiras se as condición meteorolóxicas dificultan o seu control, especialmente no suposto de forte vento. Así mesmo, se unha vez iniciada a fogueira comeza a facer vento forte deberá procederse de inmediato a apagar o lume.
  • Os responsables da fogueira terán o seu dispor un teléfono móbil en funcionamento, e ante calquera incidencia ou emerxencia poñeranse en contacto de inmediato co CAE-112.