TÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS.
Artigo 1.- Fundamento.
Artigo 2.- Natureza e obxecto.
Artigo 3.- Ámbito de aplicación.
Artigo 4.- Definicións.
Artigo 5.- Suxeitos obrigados.
TÍTULO II.- DEBER DE LIMPEZA DE SOLARES E PARCELAS.
Artigo 6 .- Roza e limpeza.
Artigo 7.- Extensión temporal das obrigas de limpeza e ornato.
Artigo 8.- Prohibición de arroxar residuos.
Artigo 9.- Comunicación ao Concello.
Artigo 10.- Criterios de xestión da biomasa.
Artigo 11.-Alcance das tarefas de xestión da biomasa en terreos incluídos na rede secundaria de faixas de biomasa.
Artigo 12.- Prohibicións de repoboacións forestais.
TÍTULO III.- DA SEGURIDADE, SALUBRIDADE E ORNATO PÚBLICO DAS CONSTRUCIÓNS.
Artigo 13.- Obriga de seguridade, salubridade e ornato público.
Artigo 14.- Condicións mínimas de seguridade, salubridade e ornato.
TÍTULO IV.- ORDES DE EXECUCIÓN.
Capítulo I.- Disposicións xerais.
Artigo 15.- Xestión e inspección.
Artigo 16- Incumprimento das obrigas.
Artigo 17.- Ordes de execución.
Artigo 18.- Actuacións previas.
Artigo 19.- Incoación do expediente.
Artigo 20.- Informes e audiencia ao interesado.
Artigo 21.- Resolución.
Artigo 22.- Medidas por incumprimento.
Artigo 23.- Execución subsidiaria.
Artigo 24.- Cobranza de gastos.
Artigo 25.- Multas coercitivas.
TÍTULO V.- RÉXIME SANCIONADOR.
Capítulo I.- Infraccións.
Artigo 26.- infraccións.
Artigo 27. – Gradación das infraccións.
Capítulo II.- Sancións.
Artigo 28.- Sancións.
Artigo 29.- Responsables.
Artigo 30.- Procedemento sancionador.
Capítulo III.- Recursos.
Artigo 31.- Executividade e impugnación
DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA
ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA LIMPEZA DE TERREOS E SOLARES EN SOLO URBANO, URBANIZABLE E RÚSTICO DO CONCELLO DE O VALADOURO.
Tanto os habitantes deste Concello como os seus representantes municipais son conscientes do deficiente grao de limpeza e salubridade de determinados solares, terreos e construcións do municipio e da conveniencia de levar a cabo as operacións necesarias en orde á súa conservación e ornato. Isto determina a aparición de focos de infección con efectos moi perniciosos na orde hixiénica-sanitario e estético do municipio, así como situacións de perigo pola posibilidade de incendios da maleza acumulada, sobre todo na tempada estival.
O mesmo sucede coas edificacións pechadas sen conservación algunha e en ocasións en condicións de ruína, o que provoca un efecto antiestético do municipio.
Á vista dos problemas descritos, faise necesaria unha intervención municipal encadrada na disciplina urbanística mediante a creación dun instrumento xurídico eficaz, de aplicación xeral no termo municipal e en uso da potestade regulamentaria e de auto organización atribuída aos municipios polo artigo 4.1.a) da Lei de Bases de Réxime Local; instrumento que emerxe en forma de Ordenanza co ánimo de mellorar ostensiblemente o grao de limpeza do municipio e en resposta á preocupación cidadá na materia.
A Ordenanza recolle e desenvolve a obriga dos propietarios de terreos e construcións sitos en solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable, de mantelos nas debidas condicións de seguridade, salubridade e ornato e as medidas tendentes á conservación das devanditas condicións, regulándose os requisitos materiais e formais encamiñados á limpeza de solares e ao ornato das construcións, de conformidade co establecido na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado por Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
Por outra parte, acollendo os criterios establecidos na Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, refírese á xestión da biomasa, debido a que os terreos situados en solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable teñen unha natureza residencial ou habitacional, polo que deben minorarse drásticamente os riscos para os bens e as persoas por motivos de incendios de vexetación e primar a seguridade; tal e como tamén se recolle no artigo 332.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
Por todo isto, e co fin de que a Administración conte cun mecanismo eficaz para compeler ás persoas responsables a asumir as súas obrigas, esta Ordenanza regula o procedemento para ditar ordes de execución, configurándose, para os supostos de incumprimento das mesmas, a multa coercitiva como medio de execución forzosa para vencer a resistencia do propietario en cumprir os deberes que lle atribúe a normativa de aplicación, e a execución subsidiaria como resposta municipal fronte á total inactividade daquel en orde ao cumprimento dos mesmos, e que, previa a oportuna dotación orzamentaria, pretende facilitar a execución dos traballos por parte do Municipio, coa garantía do reintegro dos gastos que o orixine.
Por último, recóllese o procedemento sancionador por infracción urbanística.
A presente ordenanza é de obrigado cumprimento para todas as persoas, tanto físicas como xurídicas, que teñan os seus terreos e solares dentro do termo municipal do Concello de O Valadouro.
TÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS.
Artigo1.- Fundamento.
De conformidade co establecido no artigo 15.1.b) do Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana en relación co disposto tanto na Lei como no Regulamento de do solo de Galicia, os propietarios de terreos teñen o deber de mantelos en condicións de seguridade, salubridade e ornato público.
A presente Ordenanza dítase, polo tanto, en virtude das facultades concedidas polo artigo 25, en relación co 84, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, de conformidade co disposto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado por Decreto 143/2016, do 22 de setembro, no Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana, e no Decreto do 17 de xuño de 1955, polo que se aproba o Regulamento de Servicios das Corporacións Locais.
Artigo 2.- Natureza e obxecto.
Esta ordenanza ten natureza de ordenanza de policía urbana e rural e de prevención de incendios, non ligada a unhas directrices de planeamento concreto, por estar referida a aspectos de salubridade e seguridade.
O seu obxecto é a protección de salubridade pública, evitando situacións que supoñan risco para a saúde ou a integridade dos cidadáns.
Artigo 3.- Ámbito de aplicación.
A presente Ordenanza aplícase a todo o concello de O Valadouro, quedando suxeitos á mesma todos os solares e construcións do municipio existentes en solo urbano, urbanizable e de núcleo rural.
Artigo 4.- Definicións.
Aos efectos desta Ordenanza, enténdese por:
– Solar.- As superficies de solo urbano legalmente divididas e aptas para a edificación que reúnan os requisitos previstos no artigo 18 da Lei do Solo de Galicia.
– Construción.- Edificacións e instalacións non declaradas en ruína, nin susceptibles, previo os trámites regulamentarios, de recibir tal declaración, nas que sexa necesario repoñer as súas condicións preexistentes de ornato, seguridade e salubridade, adecentando, reparando ou consolidando os elementos danados ou obsoletos que afecten o seu aspecto exterior, á súa estabilidade e ás súas condicións hixiénico-sanitarias. – Solo urbano consolidado.
-Terreos que reúnan a condición de solar ou que, polo seu grao de urbanización efectiva e asumida pola normativa urbanística municipal, poidan adquirir dita condición mediante obras accesorias e de escasa entidade que poidan executarse de forma simultánea coas de edificación. – Solo urbano non consolidado.
– A restante superficie de solo urbano e, en todo caso, os terreos nos que sexan necesarios procesos de urbanización ou procesos de reforma interior ou renovación urbana, así como aqueles nos que se desenvolvan actuacións de dotación.
– Núcleo rural.- Os terreos que se inclúan no ámbito dos núcleos rurais delimitados pola normativa urbanística municipal.
– Solo rústico ou non urbanizable.- Aquel que, segundo a normativa territorial ou urbanístico, debe ser destinado aos usos propios da natureza rústica dos terreos, xa sexa polos valores e riquezas que nel residen ou pola presenza de riscos naturais, xa sexa por ser inadecuados para o seu desenvolvemento urbano de conformidade cos obxectivos e criterios establecidos na lexislación sobre ordenación do territorio.
– Xestión da biomasa.- A creación e mantemento da descontinuidade horizontal e vertical da carga de combustible, a través do control ou eliminación parcial ou total da biomasa vexetal por medio do emprego das técnicas máis recomendadas e coa intensidade e frecuencia para o cumprimento do obxecto previsto nesta ordenanza.
– Rede de faixas de xestión de biomasa.- O conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente situadas, onde se garante o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas idóneas, co obxectivo principal de reducir o risco de incendio.
Artigo 5.- Suxeitos obrigados.
1.- As obrigas previstas nesta ordenanza recaerán nas seguintes persoas:
a) Limpeza de solares e parcelas: propietarios, usuarios ou usufructuarios e arrendatarios. Cando pertenza a unha persoa o dominio directo do seu solar ou terreo e a outra o dominio útil, a obriga recaerá sobre aquela que teña o dominio útil.
b) Valado de solares e ornato de edificación en solo urbano: propietarios e usufructuarios.
c) Xestión da biomasa: Aos efectos desta ordenanza entenderase como persoas responsables do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas as persoas titulares dos terreos ou no seu caso aos titulares do dereito de aproveitamento sobre os terreos, así como as administracións, as entidades ou as sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión, ou cedida esta en virtude dalgunha das formas previstas legalmente, das vías de comunicación e das liñas de transporte de enerxía eléctrica.
2.- Nos supostos de inmobles sobre os que pesen herdanzas aínda non partidas e adxudicadas, bastará notificar a un dos herdeiros coñecidos, considerándose aos devanditos efectos como representante da comunidade hereditaria, salvo que éste probe o contrario.
As regras anteriores serán de aplicación igualmente ás persoas xurídicas.
3.- Aos efectos desta ordenanza, salvo proba en contra e sen prexuízo da inscrición contida no Rexistro da Propiedade, considéranse propietarios dos terreos os titulares catastrais. En caso de discrepancia entre o titular catastral e o que conste inscrito no Rexistro da Propiedade, terase en conta a titularidade que resulte do Rexistro.
TÍTULO II.- DEBER DE LIMPEZA DE SOLARES E PARCELAS.
Artigo 6.- Roza e limpeza.
1. Os propietarios, e demais obrigados ao cumprimento da presente ordenanza conforme ao establecido no artigo 5, deberán manter as parcelas e terreos a que afecte esta ordenanza debidamente rozados con eliminación de capa vexetal e daqueles materiais inflamables ou susceptibles de provocar incendios, velando pola recollida e debida xestión da biomasa vexetal constituída polos devanditos restos e materiais de carácter vexetal, debendo, así mesmo; os propietarios de solo urbano consolidado e núcleo rural, mantelos, de forma permanente, convenientemente desratizados e desinfectados a fin de evitar eventuais problemas para a salubridade públicas da poboación que ocupe as vivendas lindeiras.
2. Os solares e parcelas deberán estar perfectamente limpos, desprovistos de calquera tipo de residuos ou vexetación espontánea, sen ningún resto orgánico ou mineral que poida alimentar ou albergar animais ou plantas portadores ou transmisores de enfermidades ou producir malos olores.
3. Igualmente, protexeranse ou eliminaranse os pozos ou desniveis que neles exista e que poidan ser causa de accidente.
4. A xestión da biomasa xerada a resultas das anteriores tarefas de limpeza levarase a cabo segundo os criterios establecido no artigo 11 da presente ordenanza.
Art. 7.- Extensión temporal das obrigas de limpeza e ornato.
1.- As obrigas descritas no artigo 7 desta Ordenanza enténdese esixible de forma permanente en solo urbano.
2.- Os demais solos deberán ser convenientemente rozados, limpados e xestionada a biomasa vexetal existente nos mesmos, conforme ao disposto no punto anterior, antes do día 1 de xuño de cada ano, debendo de mantelas rozadas ao longo de todo o período estival.
3. Chegada esta data, o Concello poderá verificar o cumprimento da devandita obriga, procedendo a impoñer, en caso de incumprimento, as sancións oportunas de conformidade co establecido no réxime sancionador da presente ordenanza, así como á aprobación de ordes de execución que se poderán facer efectivas, en caso de incumprimento voluntario por parte do responsable no prazo indicado a tales efectos, mediante a imposición de multas coercitivas ou recorrendo á súa execución subsidiaria.
4. O Concello poderá xirar novas visitas coa frecuencia que determine e, en todo caso, faranse as comprobacións necesarias a fin de verificar que os terreos se atopan en perfecto estado de roza, conforme ao previsto no apartado primeiro do presente artigo, novamente antes do día 1 de agosto de cada ano. 5. Para conseguir tales fins, o Concello poderá ditar as oportunas ordes de execución conforme ao establecido no Título IV desta Ordenanza.
Artigo 8.- Prohibición de arroxar residuos.
Prohíbese terminantemente arroxar nos solares e parcelas lixo, escombro, mobiliario, materiais de desfeito e, en xeral, desperdicios de calquera clase.
Sen prexuízo das accións que correspondan conforme dereito aos donos dos solares e parcelas contra os infractores, estes serán sancionados pola Alcaldía, de conformidade co previsto na presente ordenanza.
Artigo 9.- Comunicación ao Concello.
Como regra xeral, as operacións de limpeza de solares unicamente deberán ser comunicadas ao Concello antes de iniciar a súa execución, aos efectos de constancia da realización e posible control posterior.
Artigo 10.- Criterios de xestión da biomasa.
Nos terreos clasificados como solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable, as persoas responsables deberán facer a xestión da biomasa na totalidade da parcela conforme aos seguintes criterios:
– Roza para a eliminación do estrato herbáceo e arbustivo sempre que supoña un mínimo risco para a propagación de incendios incontrolados de vexetación ou que supoña un problema para a salubridade pública.
– Poda e rareo do estrato arbóreo de forma que se manteña unha descontinuidade horizontal entre as copas das árbores e vertical entre estas e os estratos herbáceo e arbustivo. Este criterio non será aplicable en parques e xardíns municipais, árbores senlleiras ou aquelas que cumpran funcións ornamentais ou se atopen illadas e non supoñan un mínimo risco para a propagación de incendios incontrolados de vexetación.
Artigo 11.-Alcance das tarefas de xestión da biomasa en terreos incluídos na rede secundaria de faxas de biomasa.
1. De conformidade co disposto no artigo 21 da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos terreos de solo urbano, urbanizable ou núcleo rural previamente definidos como redes secundarias de faxas de xestión de biomasa será obrigatorio para as persoas que resulten responsables conforme ao artigo 5 desta Ordenanza, o cumprimento das obrigas anteriores e xestión da biomasa vexetal conforme aos criterios desta Ordenanza e na normativa de aplicación, nunha franxa de 50 metros:
a) Perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
b) Ao redor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, vertedoiros, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte.
c) Ao redor das edificacións illadas destinadas ás persoas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.
2. Así mesmo, na mesma franxa de 50 metros mencionada no número anterior non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
3. As distancias mencionadas neste artigo mediranse, segundo os casos:
a) Desde o límite do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
b) Desde os paramentos exteriores das edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, ou os límites das súas instalacións anexas.
c) Desde o límite das instalacións no caso dos depósitos de lixo, gasolineiras, parques e instalacións industriais.
d) Desde o peche perimetral no caso dos cámpings.
Artigo 12.- Prohibicións de repoboacións forestais.
1. Quedan prohibidas todas as repoboacións forestais nos terreos clasificados como solo urbano, solo urbanizable e solo de núcleo rural. Enténdese por repoboación forestal aquela realizada con especies arbóreas das que se pretende o seu aproveitamento madeireiro. Quedan expresamente excluídas desta consideración as plantacións de árbores frutais, setos ou árbores ornamentais sempre que a súa plantación non estea prohibida por norma de rango superior.
2. Quedan exceptuados desta prohibición as plantacións de árbores illadas en parcelas de propiedade privada que non supoñan un risco de incendios.
TÍTULO III.- DA SEGURIDADE, SALUBRIDADE E ORNATO PÚBLICO DAS CONSTRUCIÓNS.
Artigo 13.- Obriga de seguridade, salubridade e ornato público.
Os propietarios de construcións e instalacións están obrigados a mantelas en condicións de seguridade, salubridade e ornato público, que garantan o seu adecuado uso e funcionamento.
Artigo 14.- Condicións mínimas de seguridade, salubridade e ornato.
Aos efectos previstos no artigo anterior entenderase como condicións mínimas:
1. Condicións de Seguridade. As edificacións deberán manter os seus cerramentos e cubertas estancas ao paso da auga, contar con protección da súa estrutura fronte á acción do lume e manter en bo estado os elementos de protección contra caídas.
A estrutura deberá conservarse de modo que garanta o cumprimento da súa misión resistente, defendéndoa dos efectos da corrosión e axentes agresores, así como das filtracións que poidan lesionar as cimentacións. Deberán conservarse os materiais de revestimento de fachadas, cobertura e cerramentos de modo que non ofrezan risco para as persoas ou bens.
2. Condicións de salubridade. Deberá manterse o bo estado das redes de servizo, instalacións sanitarias, e condicións de ventilación e iluminación de modo que se garanta a súa aptitude para o uso a que estean destinadas e o seu réxime de utilización. Manterán tanto o edificio como os seus espazos libres cun grao de limpeza que impida a presenza de insectos, parasitos, roedores e animais vagabundos que poidan ser causa de infección ou perigo para as persoas.
3. Condicións de ornato. As fachadas, os elementos exteriores e interiores, medianeiras, valos e cerramentos das construcións deberán manterse adecentadas e homoxéneas mediante a limpeza, pintura, reparación ou reposición dos materiais de revestimento. Todo o cableado público ou privado que discorra polas fachadas do inmoble deben de manter un trazado estético e libre de perigos, grampados firmemente á fachada.
As cubertas deben contar con canles e baixantes de recollida de augas pluviais ao obxecto de impedir a caída de auga de choiva sobre o viario ou o aceirado, conectando estes últimos se é factible á rede de saneamento.
TÍTULO IV.- ORDES DE EXECUCIÓN.
Capítulo I.- Disposicións xerais.
Artigo 15.- Xestión e inspección.
A Alcaldía, dirixirá a policía urbana, rural e sanitaria e exercerá a inspección dos solares, parcelas, construcións e instalacións do termo municipal para comprobar o cumprimento das condicións establecidas na presente ordenanza.
O persoal funcionario, no exercicio das súas funcións, terán para todos os efectos legais o carácter de axentes da autoridade.
O Concello de O Valadouro, a través da Alcaldía ou do concelleiro ou concelleira en quen delegue, xestionará o cumprimento das obrigas reguladas e establecidas na presente ordenanza, impoñendo as sancións que procedan, segundo o establecido nos artigos seguintes.
Artigo 16- Incumprimento das obrigas.
1. As obrigas previstas na presente ordenanza serán en todo caso esixibles desde a publicación da mesma para todos aqueles obrigados ao seu cumprimento, sen necesidade de ser expresamente compelidos para iso por parte do Concello de O Valadouro.
2. Non obstante o previsto no parágrafo anterior, a Alcaldía municipal poderá ditar ordes de execución para instar o cumprimento das obrigas contidas nesta Ordenanza.
Art. 17.- Ordes de execución.
1. As ordes de execución conterán a determinación concreta das actuacións a realizar conforme ás condicións establecidas na presente Ordenanza e na normativa urbanística e contra incendios. Así mesmo, deberán fixar o prazo para o cumprimento voluntario polo do ordenado propietario, que se determinará en razón directa da importancia, volume e complexidade das actuacións a realizar.
2.- A execución das mesmas deberá acordarse da forma menos gravosa para a persoa propietaria.
3. As ordes de execución deberán advertir que o seu incumprimento habilitará ao Concello para a execución subsidiaria das actuacións correspondentes, con cargo á persoa responsable, e para a imposición de multas coercitivas, que serán independentes das previstas no Título V desta Ordenanza.
Artigo 18.- Actuacións previas.
Con carácter previo á iniciación do procedemento para a aprobación dunha orde de execución, o órgano competente poderá levar a cabo as actuacións previas necesarias para coñecer as circunstancias do caso concreto e, en función do seu resultado, decidir de xeito motivado sobre a conveniencia ou non de iniciar o procedemento.
Artigo 19.- Incoación do expediente.
1. O procedemento para esixir o cumprimento dos deberes contidos nesta Ordenanza poderá iniciarse de oficio ou a instancia de parte:
a) Como consecuencia da actuación dalgún servizo municipal que detecte a existencia dun incumprimento de ditos deberes.
b) Como consecuencia de informes evacuados polos servizos técnicos nas inspeccións programadas que se realicen.
c) Por denuncia.
2. No Acordo de inicio do expediente figurará a referencia catastral do inmoble e os datos sobre a súa titularidade e localización, así como as circunstancias que deron lugar ao mesmo.
Artigo 20.- Informes e audiencia ao interesado.
1.- Antes de ditar unha orde de execución deberase emitir informe técnico y xurídico polos servizos municipais.
2.- Unha vez emitidos os devanditos informes, darase trámite de audiencia ao interesado por prazo non inferior a dez días. No caso de inmobles abandonados en relación cos cales non se poida determinar a titularidade por medio de consulta ao Rexistro da Propiedade e o Catastro; a notificación do trámite de audiencia levarase a cabo conforme determina o artigo 44 da Lei 39/2015, de 1 de outubro; do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, é dicir; por medio de edictos no Boletín Oficial correspondente e o Taboleiro de Edictos do Concello.
Artigo 21.- Resolución.
1.- Unha vez informadas as alegacións presentadas, e considerados os informes emitidos, ditarase resolución polo órgano competente coa orde de execución.
2.- O prazo máximo para ditar e notificar a orde de execución será de seis meses desde o acordo da súa iniciación de oficio ou, no caso de iniciarse a solicitude de persoa interesada, desde a recepción da solicitude no rexistro municipal.
Transcorrido o prazo indicado sen que se notificara resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento iniciado de oficio, sen prexuízo de poder iniciarse un novo procedemento no caso de persistir o obxecto que motivou a tramitación do expediente. Nos procedementos tramitados a solicitude de persoa interesada, o vencemento do prazo máximo sen notificarse a resolución expresa lexitima ao interesado ou interesados que deducisen a solicitude para entendela estimada por silencio administrativo.
Artigo 22.- Medidas por incumprimento.
1. As ordes de execución son executivas desde o momento en que se ditan. Efectuada a advertencia previa e transcorrido o prazo de execución voluntaria, no caso de persistir o incumprimento da orde de execución, a Administración municipal procederá á execución forzosa, respectando o principio de proporcionalidade.
2. O incumprimento inxustificado das ordes de execución habilitará ao Concello para adoptar calquera das seguintes medidas:
a) Execución subsidiaria á conta do obrigado.
b) Imposición de multas coercitivas, segundo o establecido no artigo 29 desta Ordenanza.
3. O Concello, atendendo ás circunstancias concorrentes en cada caso, procederá á elección da medida que estime máis conveniente.
Artigo 23.- Execución subsidiaria.
1.- Transcorrido o indicado na orde de execución sen o seu cumprimento polo obrigado, por Decreto da Alcaldía ordenarase a execución subsidiaria dos traballos.
O Concello executará ditos traballos por si ou a través da persoa ou persoas que determine mediante adxudicación directa, debendo solicitarse na medida do posible, e salvo extrema urxencia na consecución dos fins previstos na presente Ordenanza, orzamento a tres empresas, se iso é posible, capacitadas para a execución das obras ou operacións.
A adxudicación efectuarase con cargo á partida correspondente do Orzamento Municipal e concretarase, no seu caso, no Decreto que ordene a execución subsidiaria.
2.- Cando fora procedente, solicitarase da Autoridade Xudicial, a autorización que contempla o artigo 91.2 da Lei Orgánica do Poder Xudicial.
3.- Esta medida de execución forzosa será a única á que poderá recorrer a administración no caso de tarefas de limpeza e mantemento que deban levarse a cabo en inmobles ou terreos sen dono coñecido.
Artigo 24.- Cobranza de gastos.
En harmonía co disposto no artigo 102.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, os gastos, danos e prexuízos orixinados pola execución subsidiaria serán a cargo do suxeito obrigado, sendo esixibles pola vía de constrinximento que se regula no artigo 101 da Lei 39/2015, de 1 de outubro; do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Artigo 25.- Multas coercitivas.
Ao obxecto de forzar a resistencia do propietario no cumprimento das súas obrigas e en uso do mecanismo previsto no artigo 103 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e na normativa urbanística galega, o alcalde poderá impoñer hasta dez multas coercitivas, reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, en contía máxima, cada unha delas, do 10% do coste estimado das actuacións ordenadas.
TÍTULO V.- RÉXIME SANCIONADOR.
Capítulo I.- Infraccións.
Artigo 26.- Infraccións.
Constitúen infraccións, aos efectos desta Ordenanza, as accións ou omisións que vulneren as obrigas contidas nos artigos 6 a 14 da mesma. Estas clasifícanse en moi graves, graves e leves segundo o estipulado no artigo seguinte.
Art. 27. Graduación das infraccións.
1. Son infraccións moi graves:
a)As accións e omisións que constitúan incumprimento das normas que a-referidas á limpeza e mantemento de terreos e solares, así como a xestión da biomasa existente nos mesmos, se conteñen nos artigos 6, 7, 8, 10 e 11 e 12 da presente Ordenanza e que dean lugar a unha situación de grave risco de incendio por seren cometidas en época estival –entre os meses de xuño e setembro-, con condicións climatolóxicas especialmente propicias a tales efectos e existindo vivendas ocupadas próximas.
b) As accións e omisións que constitúan incumprimento das normas contidas nos artigos 13 e 14 da presente Ordenanza en relación co mantemento dos inmobles e construcións nas debidas condicións se seguridade, salubridade e hixiene, dando lugar a unha situación de grave risco para a saúde e seguridade pública habida conta da existencia de vivendas ocupadas próximas.
2. Son infraccións graves:
a) As accións e omisións que constitúan incumprimento das normas que a-referidas á limpeza e mantemento de terreos e solares, así como a xestión da biomasa existente nos mesmos se conteñen nos artigos 6, 7, 8, 10 e 11 e 12 da presente Ordenanza que non dean lugar a unha situación de grave risco de incendio por non teren sido cometidas en época estival –entre os meses de xuño e setembro-, con condicións climatolóxicas especialmente adversas aos efectos indicados e non existir vivendas ocupadas próximas das que se poida derivar esa especial situación de risco.
b) As accións e omisións que constitúan incumprimento das normas contidas nos artigos 13 e 14 da presente Ordenanza en relación co mantemento dos inmobles e construcións nas debidas condicións se seguridade, salubridade e hixiene, que non dean lugar a unha situación de grave risco para a saúde e seguridade pública debido á inexistencia de vivendas ocupadas próximas.
3. Consideraranse infracción leve o incumprimento do previsto no artigo 9 da presente Ordenanza por non ter presentado comunicación a Alcaldía, antes do comezo, das tarefas de limpeza de solares prevista no artigo 7 da mesma.
Capítulo II.- Sancións.
Artigo 28.- Sancións.
1. Conforme ao artigo 141 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora de Bases de Réxime Local, as sancións que se impoñerán aos infractores serán as seguintes:
1.1. Por comisión de infraccións leves: – Multa de 100 a 500 euros.
1.2. Por comisión de infraccións graves: – Multa de 501 a 1.500 euros.
1.3. Por comisión de infraccións moi graves: – Multa de 1.501 a 3.000 euros.
2. As sancións graduaranse en función dos seguintes criterios:
a) Grado de intencionalidade.
b) A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.
c) A situación de risco creado para as persoas ou os bens.
d) Natureza dos prexuízos causados.
Artigo 29.- Responsables.
Son responsables no procedemento sancionador que deberá ser tramitado con ocasión da comisión das infraccións antes citadas, as persoas que, segundo o establecido no artigo 5 da presente Ordenanza, deben dar cumprimento ás obrigas contidas na mesma.
Artigo 30.- Procedemento sancionador.
1.- O órgano competente para a resolución do procedemento sancionador é o alcalde, conforme dispón o artigo 21.1.k) da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, sen prexuízo das facultades de delegación nun concelleiro.
2.- A potestade sancionadora exercerase mediante o procedemento establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Capítulo III.- Recursos.
Artigo 31.- Executividade e impugnación.
Contra as resolucións da Alcaldía ou órgano competente, nas que se plasmen as ordes de execución, que poñan fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ou recurso contenciosoadministrativo.
DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA.
A presente ordenanza aprobada en sesión extraordinaria do Pleno da Corporación de data 14 de decembro de 2020 será obxecto de publicación íntegra no BOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA DE LUGO, trala aprobación polo Pleno da Corporación, entrando en vigor unha vez transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, por remisión ao artigo 70.2 da citada Lei.
O devandito acordo pode ser recorrido no prazo de dous meses seguintes á publicación do mesmo no BOLETÍN OFICIAL ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a teor do preceptuado no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo , da Xurisdición Contencioso-Administrativa.