Volve o programa Cultura na Rúa, cargado de actuacións para as noites de verán: cinema, teatro, música, humor e maxia daranse cita na Praza Santa María.
Recoméndase a inscrición previa no 982571516 de 9 a 14 horas e de 15:30 a 20:00 horas, para a película de Cuñados é necesario retirar as entradas gratuítas na Casa da Cultura no mesmo horario.
Píscore é unha compañía de nova creación que chega para aportar música e humor á escena galega. Na mellor tradición das compañías que mesturan a excelencia musical co humor, Píscore chega a cubrir este oco en Galicia na liña de recoñecidas formacións estatais. Creada en 2016 por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas, catro músicos galegos formados cos mellores mestres galegos e internacionais, Píscore pretende mesturar a mellor música e moito humor, ritmo e comedia xestual. Píscore é unha compañía destinada a facerse un oco a forza de orixinalidade e gargalladas.
Novos lobos é un espectáculo de narración oral e monicreques no que se toca o tema do xénero desde a perspectiva das novas masculinidades. Deconstrúense nel algúns contos da literatura popular para adaptalos a esta nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais ao alumnado que axuden a prever a violencia de xénero. O espazo no que sucede a acción é un pequeno refuxio da montaña no que un pastor está coidando das súas ovellas (o público).
Maxia de aquí e de acolá é o resultado dunha mestura entre maxia, comedia e improvisación, onde a participación do público está presente en todo momento. Unha escenificación máxica versátil e áxil que transmite habilidade e enxeño usando elementos cotiáns e tradicionais, como un ovo, unha corda, unha mesa, froitas… elementos que poden emerxer da nada, esvaecerse, levitar ou trocar de aparencia.