O vindeiro domingo 8 de agosto o autobús de Saborea a Túa Provincia fará unha parada cargada de actividades na praza de Santa María.

Saborea a túa provincia son unha serie de xornadas concebidas como unha experiencia gastronómica de carácter itinerante pensada para presentar unha mostra representativa dos máis destacados produtos gastronómicos de proximidade e promocionar a labor de toda a cadea de valor ligada á gastronomía lucense, dende os productores/as locais ata os cociñeiros/as.

O programa artéllase en nove eventos que se celebrarán entre finais de xullo e o mes de agosto de 2021, cun desenvolvemento similar, presentando diferentes espazos coas súas actividades: concertos, coloquios e conferencias, demostracións culinarias (show cooking), escaparate de promoción de productos, degustacións, espectáculos de maxia, obradoiros de cociña para os nenos e nenas, sorteos de produtos gastronómicos lucenses, etc.

As nove localidades que acollen estes eventos están pensadas para que toda a provincia se sinta representada, alternando zonas de costa e de interior para dar cabida á diversidade de paisaxes que se traducen na riqueza gastronómica que atesoura a nosa provincia, como froito da fusión entre o territorio, a cultura e o coñecemento e as formas de vida.

Con Saborea a túa provincia, a Deputación de Lugo contribúe ao impulso do Pacto Verde da Unión Europea e a súa estratexia “Da Granxa á Mesa”, xa que os produtos cos que se traballará son sostibles, de proximidade e representativos da nosa provincia. Igualmente, cada proposta gastronómica constitúe unha divulgación de coñecemento do noso Know how.