ACTUALIZACIÓN: PUBLICADO LISTAXE DE ADMITIDOS DA APERTURA DO CEIP FORA DO HORARIO LECTIVO

PRAZO DE INSCRICIÓN:

O prazo de inscrición será entre o 29  de agosto de 2022 ata o 5 de setembro de 2022 ás 14:00 horas, NON ADMITÍNDOSE aquelas realizadas fora do citado prazo. Asimesmo, deberán de contar con toda a documentación xustificativa no intre da solicitude.

As solicitudes realizaranse nas Oficinas Municipais en horario de atención ao público de 09:00 a 14:00.

Tamén poderán presentar as solicitudes na Sede Electrónica do Concello de O Valadouro a través do trámite “Solicitude Madrugadores/OES” ou en calquera dos lugares indicados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

ANEXOS DE INSCRICIÓN:

BASES PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA DE CONCILIACIÓN APERTURA DO CEIP FORA DO HORARIO LECTIVO

1.- ÁMBITO DE APLICACIÓN

Estas actividades de conciliación están orientadas aos alumnos e alumnas do CEIP Santa María do Valadouro para o curso escolar 2022/2023.

2.- SUBPROGRAMAS

Os horarios dos subprogramas están condicionados polo horario e funcionamento do centro escolar, podendo verse alterados ao longo do curso.

Asimesmo, o funcionamento deste programa estará condicionado pola evolución da pandemia ocasionada pola COVID-19 e a normativa vixente en cada momento.

2.1.- MADRUGADORES

Este subprograma desenvólvese en horario de 08:15 a 09:20 dende o 12 de setembro de 2022 ata o remate do curso escolar e está orientado aos alumnos e alumnas que precisen asistir ao centro escolar antes do inicio do horario lectivo debido á incompatibilidade do horario laboral dos seus proxenitores ou titores legais co inicio da xornada lectiva.

Haberá 2 horarios de entrada: ás 08:15 e as 08:45. A entrega de alumnos deberá facerse sempre con puntualidade, non admitíndose alumnos que cheguen ao centro escolar fora do horario establecido. De non facelo así poderán perder a praza no subprograma.

Total de prazas dispoñibles: indicaranse na resolución de concesión de prazas.

Excepcionalmente poderanse conceder prazas por quendas para alumnos cuxos proxenitores ou titores legais teñan unha xornada laboral a quendas e sempre condicionado á existencia de prazas. Será imprescindible aportar un calendario de quendas para a duración de todo o curso.

No caso de prazas concedidas por quendas, non se poderán modificar os días e horario de asistencia concedido sen autorización expresa da Alcaldía, de acordo co indicado na Base nº 10.

2.2.- A TARDE MÁIS DIVER

Este subprograma desenvólvese en horario de 16:00 a 19:00dende o 12 de setembro de 2022 ata o remate do curso escolar e está orientado aos alumnos e alumnas que precisen asistir a actividades extraescolares ao remate do horario lectivo debido á incompatibilidade do horario laboral dos seus proxenitores ou titores legais co remate da xornada lectiva.

As actividades realizaranse a continuación da xornada lectiva nos seguintes horarios:

  • De 16:00 a 17:00
  • De 16:00 a 18:00
  • De 16:00 a 19:00

As recollidas dos alumnos deberán realizarse obrigatoriamente con puntualidade á hora de saída que teña estipulada cada alumno. De non facelo así poderán perder a praza no subprograma.

Total de prazas dispoñibles: 20

Durante os meses de setembro e xuño o subprograma desenvolverase dende as 15:30 ata as 18:30.

Excepcionalmente poderanse conceder prazas por quendas para alumnos cuxos proxenitores ou titores legais teñan unha xornada laboral a quendas e sempre condicionado á existencia de prazas. Será imprescindible aportar un calendario de quendas para a duración de todo o curso.

No caso de prazas concedidas por quendas, non se poderán modificar os días e horario de asistencia concedido sen autorización expresa da Alcaldía, de acordo co indicado na Base nº 10.

3.- REQUISITOS DAS PERSOAS SOLICITANTES

As solicitudes serán cursadas polos proxenitores ou titores legais dos alumnos que asistirán ás actividades de conciliación e deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • MADRUGADORES:
  • Os proxenitores, titores legais ou persoas convivintes maiores de idade deberán de estar traballando, sendo o inicio da xornada lectiva incompatible co inicio da xornada laboral.
  • Os proxenitores ou titores legais deberán acreditar que na unidade familiar non existe ningunha outra persoa maior de idade que poda levar aos alumnos e alumnas ao centro escolar ao inicio da xornada lectiva.
  • A TARDE MÁIS DIVER:
  • Os proxenitores, titores legais ou persoas convivintes maiores de idade deberán de estar traballando, sendo o remate da xornada lectiva incompatible co remate da xornada laboral.
  • Os proxenitores ou titores legais deberán acreditar que na unidade familiar non existe ningunha outra persoa maior de idade que poda recoller aos alumnos e alumnas do centro escolar ao remate da xornada lectiva, prestándolle as atencións necesarias ata o remate da súa xornada laboral.

Segundo o indicado na RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento SI435B, SI435A e SI427B) e mediante a cal se financia esta medida de conciliación, na selección terase en conta o nivel de renda e as cargas familiares das persoas que soliciten a participación nesta medida de conciliación, como as mulleres vítimas de violencia de xénero en todas as súas manifestacións, así como as familias monomarentais e monoparentais, entre outras, situacións familiares.

4.- SOLICITUDES.

Todas as persoas solicitante, ao momento de presentar a súa solicitude estarán aceptando as presentes bases.

Tomarase como data de solicitude aquela na que se presente toda a documentación esixida nas presentes bases. Todas as solicitudes presentadas fora de prazo serán desestimadas.

As solicitudes serán cursadas polo proxenitores ou titores legais dos alumnos e alumnas do CEIP Santa María do Valadouro no modelo facilitado polo Concello de O Valadouro (ANEXO I) dende o 29  de agosto de 2022 ata o 5 de setembro de 2022 as 14:00 horas, non admitíndose aquelas realizadas fora do citado prazo.

As solicitudes realizaranse nas Oficinas Municipais en horario de atención ao público de 09:00 a 14:00.

Tamén poderán presentar as solicitudes na Sede Electrónica do Concello de O Valadouro a través do trámite “Solicitude Madrugadores/OES” ou en calquera dos lugares indicados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

5.- DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA.

As solicitudes deberán ir acompañadas obrigatoriamente da seguinte documentación:

  • Copia do DNI.
  • Copia do libro de familia.
  • Declaración xurada (ANEXO III) na que se indique a empresa na que se presta os servizos, dirección do posto de traballo e o horario da xornada laboral e se autorice ao Concello a requirir a documentación acreditativa ou a recabala polos seus propios medios.
  • Copia do informe de Vida Laboral actualizado, ou certificado de empresa no cal se indique a existencia de relación laboral e o horario da xornada de traballo ou calquera outro documento que acredite que os proxenitores, titores legais e persoas convivintes maiores de idade teñen unha relación laboral no momento de presentar a solicitude. (No caso do Informe de Vida Laboral poderanse ocultar aqueles datos que non sexan precisos para confirmar a existencia de relación laboral no momento de presentar a solicitude)
  • Copia da declaración da Renda do exercicio 2021 ou imputación de ingresos.
  • Certificado de convivencia. (No caso de persoas empadroadas no Concello de O Valadouro, a consulta realizarase de oficio).
  • No caso de que na unidade familiar convivan máis persoas maiores de idade, a parte dos proxenitores ou titores legais, deberase acreditar que esas persoas non poden levar ou recoller do centro escolar aos alumnos aportando a seguinte documentación:
    • Declaración xurada (ANEXOII)
    • Anexo III asinado polas persoas convivintes.
  • No caso de solicitude por quendas: Calendario de quendas para todo o curso escolar dos días e horarios solicitados.
  • No seu caso:
    • Documentación que acredite a existencia de cargas familiares diferentes aos descendentes.
  • Documentación acreditativa de ser vítima de violencia de xénero.

6.- INSTRUCCIÓN E TRAMITACIÓN

A instrución do procedemento corresponderá a unha persoa funcionaria designada pola Xunta de Goberno Local ao efecto.

O/A Instrutor/a emitirá un informe, o cal se elevará á Alcaldía, referente ás solicitudes presentadas polas persoas solicitantes, facendo referencia á procedencia da admisión e inadmisión das mesmas e elaborando unha listaxe provisional de solicitudes admitidas (alumnos que obteñen praza e alumnos que pasan a formar parte da listaxe de reserva) e solicitudes desestimadas, a cal deberá motivarse no cumprimento das presentes bases reguladoras.

A resolución do procedemento corresponderá ao Alcalde.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, revisadas todas as presentadas, e visto o Informe de Instrución, o Alcalde ditará Resolución na cal se incluirán 3 listas:

  1. Solicitudes admitidas: Alumnos que obteñen praza no programa Apertura do CEIP fora do horario lectivo. Nesta lista indicarase o día de comezo das actividades e o lugar de realización.
  • Solicitudes admitidas: Alumnos que pasan a formar a listaxe de reserva do programa Apertura do CEIP fora do horario lectivo.
  • Solicitudes desestimadas por non acreditar o cumprimento dos requisitos da convocatoria.

A citada Resolución será publicada no taboleiro de anuncios, na páxina web e na sede electrónica do Concello de O Valadouro.

7.- CRITERIOS DE SELECCIÓN DO ALUMNADO

Poderán obter unha praza no programa Apertura do CEIP fora do horario lectivo aqueles alumnos cuxos proxenitores ou titores legais presentaran unha solicitude dentro do prazo establecido e que cumpran os requisitos da convocatoria.

Para a selección dos alumnos seguirase a orde de preferencia que se indica a continuación:

  • MADRUGADORES:
  1. Unidades familiares empadroadas no Concello de O Valadouro.
  2. Unidades familiares nas que o menor está empadroado no Concello de O Valadouro con un dos proxenitores ou titores legais.
  3. Orde de preferencia para as unidades familiares coa renda per cápita máis baixa.
  4. Orde de preferencia para as unidades familiares con máis cargas familiares.
  5. Vítimas de violencia de xénero.
  6. Familias monomarentais e monoparentais
  7. Alumnos para os que se solicite o inicio dende as 08:15 horas xustificadamente.
  8. Alumnos para os que se solicite o inicio dende as 08:45 horas xustificadamente.
  9. Orde de rexistro de entrada da solicitude
  • A TARDE MÁIS DIVER:
  1. Unidades familiares empadroadas no Concello de O Valadouro.
  2. Unidades familiares nas que o menor está empadroado no Concello de O Valadouro con un dos proxenitores ou titores legais.
  3. Orde de preferencia para as unidades familiares coa renda per cápita máis baixa.
  4. Orde de preferencia para as unidades familiares con máis cargas familiares.
  5. Vítimas de violencia de xénero.
  6. Familias mono marentais e monoparentais.
  7. Alumnos para os que se solicite horario de 16:00 a 19:00 horas xustificadamente.
  8. Alumnos para os que se solicite horario de 16:00 a 18:00 horas xustificadamente.
  9. Orde de rexistro de entrada da solicitude.

8.- NORMAS DE FUNCIONAMENTO

Dará lugar á perda da praza dentro deste programa calquera falseamento ou ocultación de información na documentación presentada para a solicitude, sen prexuízo das responsabilidades que poidan derivarse.

Formarán parte do programa aquelas solicitudes que cumpran os requisitos da convocatoria, figurando os alumnos nas listas de solicitudes admitidas.

Unha vez iniciado o programa e, sempre e cando queden prazas libres, poderán inscribirse máis interesados ata cubrir todas as prazas.

Se unha persoa inscribe un participante e están todas as prazas cubertas, ou se fai fóra de prazo, dita solicitude pasará á lista de reserva.

No caso de que un proxenitor ou titor legar desexe dar de baixa ao alumno no programa, deberá comunicalo por escrito e presentando a súa solicitude nas Oficinas Municipais, en horario de atención ao público de 09:00 a 14:00, na Sede Electrónica do Concello de O Valadouro a través do trámite “Instancia Xeral” ou en calquera dos lugares indicados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Os participantes estarán sempre acompañados do persoal cualificado da empresa encargada de xestionar o programa. Dado que se trata dunha actividade dedicada aos alumnos e alumnas do CEIP Santa María do Valadouro, non se permitirá o acceso ás instalacións onde se realice o programa, de ninguén máis que a dos alumnos participantes, os monitores e os traballadores do centro escolar.

Os lugares nos que se desenvolverá este programa serán indicados na resolución de concesión das prazas.

Os inscritos distribuiranse en grupos segundo as súas idades co fin de homoxeneizar o grupo de actividade do que forman parte.

O ratio por monitor será o establecido na lexislación vixente ao respecto.

9.- FALTAS DE ASISTENCIA E PUNTUALIDADE

Os alumnos deberán acudir aos subprogramas nos que sexan admitidos respectando en todo momento os horarios de entrada e saída.

No caso de ter 3 faltas de asistencia ou puntualidade inxustificadas, os proxenitores ou titores do alumno ou alumna perderán do dereito á praza dentro do subprograma no que participen.

10.- MODIFICACIÓN DO HORARIO DOS SUBPROGRAMAS

O horario de asistencia dos alumnos aos subprogramas so poderá ser modificado por causa debidamente xustificada e previa solicitude por parte do pai, nai ou titor legal.

Será imprescindible que se vexa alterado o horario laboral dos convivintes do alumno facendo necesario o cambio solicitado.

A autorización do cambio de horario estará condicionada á existencia de prazas e á xustificación da necesidade do cambio de horario.

Non se poderán iniciar as asistencias en horarios diferentes aos concedidos inicialmente ata que non sexa expresamente autorizado pola Alcaldía.

11.- PUBLICIDADE

As presentes bases serán publicadas na sede electrónica e na páxina web do Concello de O Valadouro, así como as listas de solicitudes admitidas e desestimadas e calquera outra comunicación colectiva.

12.- MODIFICACIÓNS, SUSPENSIÓN OU CANCELACIÓN DO PROGRAMA

O correcto desenrolo deste programa está condicionado á actual situación sanitaria, podendo sufrir modificacións, suspensión de servizos ou a total cancelación do programa segundo sexa necesario para garantir a seguridade e saúde dos alumnos e alumnas participantes, así como do resto de alumnado do centro escolar, monitores, traballadores e as súas familias.

Calquera modificación, suspensión ou cancelación do programa será comunicado ás familias participantes.